A comida elaborada no Curso de Cociña do Fórum será aproveitada para o comedor social
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez Calvo, veñen de asinar un protocolo de colaboración co obxectivo de contribuír a axudar aos máis necesitados, especialmente en tempos de crise. Así, mediante este acordo, sempre que o programa formativo do Cuso de Cociña que se está a desenvolver no Fórum Carballo o permita, a comida elaborada e preparada a través das prácticas laborais desta acción formativa achegarase a Cáritas para que poidan distribuíla no seu comedor social.
Así, a partir de agora o servizo poderá ofrecerse tamén durante as fins de semana, xa que o catering do comedor tan só traballa de luns a venres. Coa comida elaborada polo alumnado do curso, que nesta ocasión cargaron o transporte (na imaxe) con lentellas e sándwiches, así como con natillas para os máis cativos e cativas, as familias necesitadas poderán asistir ao comedor todos os días. Francisco Suárez quixo agradecerlle ao Concello, no nome dos beneficiarios do comedor, a súa boa vontade para ceder os alimentos. Pola súa banda, Evencio Ferrero subliñou tamén a importancia que suporá para o alumnado do curso o feito de cociñar como un catering real para ofrecer un servizo real, o que, segundo tamén admitía a profesora do curso, será moi beneficioso para o programa formativo. Hai que lembrar que Cáritas Interparroquial mantén en funcionamento na actualidade un comedor social, un comedor sobre rodas e o Centro de Día Fogar de Bergantiños.
Pola súa banda o Curso homologado de cociña que se imparte no Fórum Carballo forma parte da programación para o emprego (Plan AFD 2013) que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar. Conta un total de 828 horas de duración para un total de 15 alumnos e alumnas que se distribúen en horario de mañá de luns a venres na nave 4, onde se atopan as instalacións da Escola de Hostalería. O curso, ademais das clases teóricas e prácticas que se imparten no Fórum contará con 80 horas de prácticas profesionais en empresas da zona relacionadas co sector hostaleiro.











