A cidade convértese en foco das miradas con ‘FotoCoruña’
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou a primeira edición de FotoCoruña, un encontro de fotografía e vídeo que durante os meses de setembro e outubro poñerá á nosa cidade no foco de todas as cámaras, tanto nacionais coma internacionais.
“FotoCoruña nace como froito da intención permanente desta Concellaría de establecer lazos de colaboración con todos os axentes culturais da cidade co obxectivo de dar maior visibilidade e proxección aos eventos, así como para facer convivir a artistas consagrados con novas promesas, sendo conscientes de que a colaboración fai crecer”, explicou Fernández.
Así, FotoCoruña incluirá distintas propostas como exposicións, talleres, ou encontros noveis, implicando diversas institucións, espazos e galerías que mostrarán ao público as obras de artistas noveis e creadores de recoñecido prestixio:
. Cristina Moroño: Losses. (Moret Art Do 13 de setembro ao 31 de outubro de 2013).
. Mariña Abramovic: The Kitchen. (Palexco. Do 26 de setembro ao 1 de decembro de 2013).
. Axel Hütte: Paisaje escindido.. (Kiosko Alfonso. Do 26 de setembro ao 1 de decembro).
. PHOTOAGORA:Talleres (Ágora. Do 7 ao 28 de setembro de 2013).
. PHOTOAGORA: La cultura de los barrios. (Centro Ágora. Do 4 ao 30 de setembro).
. Fotoxornalismo Coruña 2013 (Salvador de Madariaga. Do 27 de setembro ao 10 de novembro de 2013).
. Colectivos foto/vídeo: (Xardíns de Méndez Núñez. Do 12 de setembro ao 3 de outubro).
. Edward Weston: La magia de la fotografía. (Atlántica Centro de Arte. Do 20 de setembro ao 20 de outubro de 2013).
. Ron Galella: Paparazzo Extraordinaire! (Fundación Nova Caixa Galicia. Do 26 de setembro ao 11 de xaneiro de 2014).
. Body and Soul. Larry Fink. (Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa. Ata o 15 de setembro de 2013).
. Taller de fotomontaxe dixital. (Fundación Luis Seoane. 18 e 19 de outubro).
Ana Fernández tamén aproveitou para informar sobre un dos actos que se levará a cabo dentro da iniciativa e que arranca hoxe mesmo e ata o próximo 3 de outubro: Foto/Vídeo. “Cúmprese con outro dos grandes obxectivos da Concellaría: sacar a arte á rúa. Así, os Xardíns de Méndez Núñez, acollerán esta grande iniciativa que busca a implicación do público. A través de documentais, videoarte, fotoproyecciones ou bookjokey varios artistas de forma individual ou colectiva darán vida a doce colectores que serán os encargados de acoller as súas obras”, concluíu Fernández que engadiu: “Os traballos que se mostran van máis alá da formulación puramente estético, son máis un modo de expresión do autor que invita ao observador, obrigándoo a reflexionar utilizando para iso a imaxe fixa ou en movemento”.
FotoCoruña arrancou a semana pasada na Ágora coas I Xornadas PhotoÁgora que contan coa presenza de catro dos fotógrafos máis prestixiosos do panorama internacional: Ouka Leele (coa que comezou o ciclo con grande afluencia de público o pasado 7 de setembro), José Manuel Navia (14 de setembro), Chema Madoz (21 de setembro) e J. M. Castro Prieto (28 de setembro) que durante catro xornadas achegarán as súas experiencias aos participantes e explicarán o porqué do seu éxito. Hai 40 prazas por taller e a inscrición levarase a cabo na páxina web www.photoagora.es.
Ademais, con PhotoÁgora tamén se inaugurou a exposición que se organizou con motivo das I Xornadas PhotoÁgora que baixo o lema A cultura nos barrios expón a obra de Óscar Palomares (Barcelona), gañador do concurso internacional PhotoÁgora coa serie Graza, tradición e cultura; e a dos dous finalistas: José Cadaveira (británico afincado na Coruña) con Rúa Barcelona de pé e Luis Davilla (Madrid) con Wallstreet e arredores en Manhattan.











