A CEO e o Banco Pastor asinan un acordo de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e o Banco Pastor, Grupo Banco Popular, asinaron un acordo de colaboración para impulsar a actividade produtiva da provincia, facilitar financiamento e favorecer a exportación. En virtude do convenio, Popular pon a disposición dos empresarios ourensanos un amplo catálogo de produtos e servizos deseñados á súa medida.

O convenio inclúe acceso a liñas ICO, contas para pequenas e medianas empresas e autónomos e contas de crédito con financiamento inmediato a tipos de interese atractivos. Ademais, ten unha forte orientación á internacionalización da pyme e contempla facilidades en produtos como créditos documentarios ou anticipos de exportacións.

O acordo asinárono esta mañá, Juan Manuel Naveiro Mascato, Director Rexional Ourense Lugo Sur de Banco Pastor; Manuel Castelo Dengra, Director Rexional Galicia de Banco Popular; e José Manuel Pérez Canle, presidente da Confederación Empresarial de Ourense. A súa estratexia á fronte do novo equipo directivo da Confederación e a súa aposta polo financiamento como vía fundamental para o impulso ao tecido produtivo da rexión foi unha de claves para a consecución deste acordo.

Banco Pastor forma parte do Grupo Banco Popular, co que comparte un modelo de negocio único orientado á pequena e mediana empresa e ten en Galicia o seu principal mercado de referencia, cunha cota en crédito superior ao 22 por cento. En virtude do convenio, os empresarios ourensanos terán á súa disposición a ampla rede de profesionais de Banco Popular en toda a península, con máis de 2.000 sucursais, 723 xestores de empresas e 150 especialistas en empresas.

A Confederación Empresarial de Ourense é unha organización empresarial multisectorial, constituída no ano 1977 e integrada por case un centenar de asociacións empresariais que integran ao redor de 9.000 empresas. A Confederación aglutina os intereses das súas asociacións e empresas, actúa como representante ante os interlocutores sociais e presta, directa ou indirectamente, os servizos máis avanzados para fomentar a competitividad do tecido empresarial da provincia.

27 de setembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.