A CEO analiza as distintas alternativas de financiamento empresarial
Como chegamos ata aquí e que predín os expertos sobre a marcha da economía? Que dificultades hai para acceder hoxe en día ao crédito e cales son as alternativas para as empresas? Estas e outras preguntas foron o eixe central da conferencia que baixo o título ‘Sen noticias do crédito, hai algunha alternativa máis? ‘ desenvolveuse hoxe na CEO.
Carlota Sánchez Puga, profesora da Área de Contabilidade e Finanzas da Escola de Negocios Novacaixagalicia, foi a encargada de realizar a análise das aparentes mostras de melloría que empeza a dar a economía española e os posibles efectos que teñen sobre as empresas.
No repaso de contidos, a relatora analizou, dende o punto de vista do financiamento, como evolucionou esta para as empresas nestes cinco anos de crise e o efecto que tivo sobre as disponibilidades de crédito; un crédito que, ao permanecer pechado obriga a xestionar de xeito axeitado os recursos da empresa ou buscar fontes de financiamento alternativo como potenciais investidores. Sen dúbida, o coñecemento exacto das necesidades operativas de cada negocio é clave, así como saber escoller entre o autofinanciamento xerado pola propia actividade da empresa, ou ben unha maior achega dos socios actuais ou a entrada de novos accionistas. A boa xestión do circulante e o axeitado equilibrio entre necesidades e recursos, son as variables críticas sobre os que a empresa ten que actuar para garantir o seu futuro.
No apartado das necesidades operativas da empresa, Carlota Sánchez introduciu a explicación dun concepto que entrará en vigor en febreiro de 2014, o SAIBA ou Zona Única de Pagamentos en Euros, un instrumento de pagamento de uso obrigatorio a partir desa data e que substituirá transferencias, débitos nacionais e pagamentos con tarxeta progresivamente en 27 países da Unión Europea.
O presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, foi o encargado de presentar a conferencia, momento que aproveitou para recordar que “dende a Confederación vimos manifestando dende hai tempo que o crédito é fundamental para saír desta situación: reactivar o crédito e o financiamento para as empresas é vital para darlle vigor e alento á economía; ese crédito imprescindible para pemes e autónomos é aínda débil e necesitamos, ou ben seguir pedindo ás entidades correspondentes que fagan que flúa, ou ben coñecer as alternativas posibles mentres isto non sucede,”.











