A carpa “Xplora Xuventude” estará no Campo da Feira de Carral
Os mozos e mozas que se acheguen ata a carpa situada no Campo da Feira de Carral entre as 12,00 e 14,00 horas, contarán con información e asesoramento proporcionados por técnicos especializados.
Esta carpa forma parte dunha campaña informativa, promovida polo departamento autonómico, que tenta achegar a pé de rúa os distintos programas e recursos destinados a mocidade, aproveitando a celebración de eventos con gran afluencia de público.
Os mozos interesados poderán acceder, dentro desta instalación, a diversos contidos de interese, e contarán co asesoramento e información de técnicos da Rede galega de dinamización xuvenil.
A carpa tamén servirá como un espazo para que grupos de mozos e mozas, así como entidades xuvenís, poidan amosar as súas actividades e propostas, a modo dun escaparate do talento xuvenil.
Esta iniciativa percorrerá un total de 40 concellos galegos co obxectivo de difundir os distintos recursos dirixidos á xuventude.
Para a consulta sobre as datas e lugares de realización desta campaña informativa, os interesados en participar poden atopar máis información na páxina web xuventude.xunta.es











