A canceira municipal de Carballo recolle 127 animais dende o cambio de xestión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+
Vista da canceira municipal

Vista da canceira municipal

Despois da publicación no BOP da Coruña o pasado 6 de agosto da Ordenanza de Control Animal do Concello de Carballo, a empresa Servigal-UTE Carballo vén de comezar a xestión da canceira municipal en base a esta norma. Entre os cambios máis importantes que se establecen nesta ordenanza está que ningún propietario poderá retirar o seu can sen o “microchip” de identificación. Cando se recolle un can da rúa mobilízanse varios operarios de Carballo Limpo, da Brigada de Obras e incluso da Policía Local, polo que unha pequena parte deste custe así como da atención durante os días que o can estea aloxado na canceira, terá que ser abonada polo propietario ou propietaria. Un dos obxectivos principais deste servizo é a consecución de adopcións dos cans non identificados e que non son recuperados polos seus donos.

Estes cans poderán ser recollidos dentro de todas as normas legais e sanitarias establecidas e a concesionaria entregará o animal desparasitado, vacunado, con “microchip”, e realizará todas as tarefas administrativas incluíndo o rexistro no REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), sendo o custe total de 50 euros por adopción. Outra das novidades da prestación deste servizo é que agora os trámites para a obtención da licenza municipal para tenza de animais potencialmente perigosos será realizada na propia canceira e non nas oficinas municipais como ata o de agora. A nova concesionaria xa leva recollido 127 animais, dos cales foron adoptados 66 e recollidos polos seus donos 32. Desde Carballo Limpo procederase nunhas semanas a ofrecer información na Internet das diferentes posibilidades de adopción que vaian xurdindo coa esperanza de que o número de adopcións aumente aínda mais.

Nestes momentos na canceira municipal hai un total de seis cans, un deles unha cadela de tan só nove meses de idade. Hai que lembrar que o horario do servizo coincide co do Punto Limpo Municipal, xa que a canceira está situada nas súas instalacións: está aberta xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. A nova ordenanza xa está dispoñible no web municipal do Concello de Carballo, e pode descargarse nesta nova nun documento en pdf. Desde Carballo Limpo tamén queren agradecer a colaboración da cidanía, que o pode seguir facéndoo chamando ao 981 75 49 17, no web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo.

26 de setembro de 2013 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.