A campaña “A semana do teu comercio” recala no establecemento “Confecciones Julián” de Vilalonga

Entrega do recoñecemento ao propietario
O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá en Vilalonga (Sanxenxo) o acto de entrega do diploma conmemorativo a “Confecciones Julián”, distintivo co que se premia aos comercios máis lonxevos de cada centro comercial aberto de Galicia.
Cores Tourís estivo acompañado neste homenaxe polo tenente alcalde de Sanxenxo, Salvador Durán, así como polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e polo presidente do Centro Comercial de Sanxenxo, Julio Presas.
Esta actividade enmárcase dentro da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria para realzar o papel das asociacións comerciais.
Esta iniciativa, que a Xunta pon a disposición dos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es , ten como obxectivo realzar o comercio de proximidade e o papel clave que os Centros Comerciais Abertos xogan neste. A campaña premia ao negocio máis lonxevo de cada CCA e destaca a labor dos comercios locais que souberon adaptarse aos tempos, acadando a súa pervivencia a través da calidade e a proximidade ao cliente.
De feito, o delegado territorial aproveitou esta ocasión para resaltar a labor desenvolvida polos centros comerciais abertos (CCA), e en concreto, o traballo do Centro Comercial Aberto de Sanxenxo, como “elemento fundamental” para dinamizar o comercio nos distintos barrios das vilas da provincia e, en consecuencia, contribuír á reactivación económica das diferentes localidades pontevedresas “como está a ocorrer no caso da localidade que hoxe visitamos”.
Esta iniciativa presta especial atención ao negocio comercial máis lonxevo e con máis tradición do correspondente centro, como é o caso, nesta ocasión, de “Confecciones Julián”, que leva funcionando dende 1963. O diploma, de feito, foi recollido polos seus propietarios, Julián Güimil Calvo e Carmen González Alvite.
As orixes desta tenda xorden da iniciativa persoal de Julián Güimil Calvo, quen con 22 anos iniciou a súa actividade cunha xastraría en Vilalonga. Tras casarse con Carmen González, modista, empezaron tamén a vender camisería e pantalóns. O seu local foi crecendo ata dispoñer de 400 metros cadrados de comercio especializado en roupa de señora, cabaleiro, festa, noivos e comuñóns. Tamén conta con outra primeira planta de 100 metros cadrados dedicada a roupa de fogar. É un referente, non só para o pobo de Vilalonga, senón para todos os seus arredores.
A historia de cada un dos establecementos homenaxeados plasmarase nunha bitácora que recollerá unha reportaxe semanal sobre o mesmo e se poderá consultar a través do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es), a web que o Goberno galego dedica ao pequeno comercio.
A iniciativa da Dirección Xeral de Comercio non só redunda en beneficio deste Centro Comercial Aberto de Sanxenxo, senón que tamén permite, tal e como destacou o delegado territorial, “realzar o bo facer daqueles comercios que, como “Confecciones Julián”, souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia do negocio a través da calidade e proximidade ao cliente”. Como recoñecemento a este labor, o galardoado recibiu un diploma conmemorativo no que se destacará o traballo desenvolto polo establecemento.
O Centro Comercial Aberto de Sanxenxo constituíuse en marzo de 2004 coa finalidade de ser un instrumento que axude á promoción e consolidación do comercio urbano e local. Creouse para coordinar, representar, xestionar e fomentar a defensa dos intereses xerais e comúns do comercio.











