A biblioteca de Ordes arranca Tardes de contos e lendas con ‘Violeta a carteira bolboreta’

Sesión de contacontos
A biblioteca municipal de Ordes inaugurou esta tarde unha nova tempada do seu ciclo de narracións Tardes de contos e lendas ante a atenta mirada dunha morea de nenos e nenas, que en moitos casos acudiron acompañados dos seus pais e nais. O relato escollido para esta primeira cita foi ‘Violeta a carteira bolboreta’, especialmente dirixido a nenos de entre 3 e 8 anos de idade.
Como en edicións anteriores as Tardes de contos e lendas desenvolverase o último venres de cada mes a partir das 18.30 horas. Desta maneira o Concello de Ordes pretende inculcar nos máis novos o hábito da lectura, á par que propicia unha toma de contacto temperá coa biblioteca amosándoa como un espazo de diversión e aprendizaxe. Con elo tamén se pretende ofrecer unha oportunidade para que os rapaces e rapazas compartan algo do seu tempo de lecer cos seus pais e nais.
Por outra banda, a vindeira semana está previsto que teñan lugar as primeiras xuntanzas dos clubs de lectura que por primeira vez se levarán a cabo no centro. Neles participarán veciños e veciñas de distintas idades, mantendo aberto o prazo de inscrición para os que estean interesados en participar nesta actividade.











