A banda “Vodevil” actúa na capela do Centro Torrente Ballester
Os concertos do ciclo “As Noites en Capela”, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, continúan mañá, día 19, coa actuación da banda Vodevil na Capela do Torrente Ballester. O concerto dará comezo ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: (apartado axenda cultural).
A xira “O Vodevil Acústico” recupera a sonoridade do principio da composición, de cando as cancións eran só un esbozo, recuperando tamén matices distintos aos da versión electrónica. O grupo amósanos as súas cancións espidas, tal e como foron concibidas, sen deixar de lado a influencia rock e paseándose con soltura por unha amálgama de sons amplos que os levan dende o pop ao blues, pasando pola música de autor. Todo isto, mesturado cunhas letras densas e, en ocasións, crípticas, fai desta xira algo único e sumamente recomendable.











