publicidade hoxe

A avenida de Electo Carballo recupera o seu aspecto tras as tarefas de asfaltado e pintado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Os traballos na mellora do sistema de abastecemento de auga da Coruña e a bisbarra realizados por Emalcsa afectaron especialmente á avenida de Electo Carballo. Foi necesario durante meses abrir gabias para acometer as obras, o que deixou a calzada notablemente deteriorada.

A pesar de que en breve prazo o Concello de Culleredo, levará a cabo, tras o convenio subscrito coa Xunta de Galicia, unha profunda remodelación da vía, o goberno local considerou axeitado a reposición dos servizos da estrada, executado pola propia empresa adxudicataria da obra de Emalcsa. Hai dúas semanas comezou o asfaltado de toda a avenida, entre O Portádego e Fonteculler. Agora ultímase o pintado da calzada, incluíndo os pasos de peóns de vías perpendiculares.

O goberno de Culleredo apostou por estes traballos co obxecto de ofrecer un servizo adecuado, en condicións de seguridade, aos veciños do ámbito, que tiveron que soportar tamén a obra. Así mesmo, é necesario o proxecto, considera o goberno local, para “beneficiar a actividade comercial da avenida e o seu ámbito”.

Esta mellora do firme será o paso previo á renovación da vía co obxecto de incrementar a seguridade vial para os peóns. A actuación terá un presuposto de 240.000 euros e servirá para a dotación de beirarrúas e de servizos para os residentes. A obra consistirá na construción de beirarrúas na marxe dereito da estrada en sentido O Portádego, nunha lonxitude de 700 metros. As beirarrúas terán unha sección variable, cun mínimo de 1,50 metros, baixo a que se instalarán os tubos para os diferentes servizos.

O proxecto incluirá tamén a instalación de rede de recollida de pluviais, con sumidoiros cada 50 metros. Prevese ademais, como medida para reducir a velocidade dos vehículos, a creación de pasos de peóns elevados. Ademais, a avenida dispoñerá de nova pavimentación e estreará paradas de autobús. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.

O Concello traballa na elaboración dos pregos para a contratación. Estímase que podería desenvolverse a obra no primeiro semestre de 2014.

30 de setembro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.