A avenida de Compostela permanecerá pechada unha semana máis por defectos na obra
A avenida de Compostela volverá a estar pechada ao tráfico toda a vindeira semana (só o carril de entrada) para refacer os traballos de resposición da calzada que se realizaron durante a semana actual. O Concello de Pontevedra tivo coñecemento esta mañá a través da empresa adxudicataria, Sacyr, que informou que logo dunha supervisión técnica do Ministerio de Fomento, está obrigada a levantar e refacer os traballos desta semana.
O Concello de Pontevedra, que non pode prohibir esta actuación dado que se trata dun viario do Ministerio de Fomento, quere que o vial polo que pasan a diario arredor de 12.000 vehículos (moitos deles, pesados) quede nas mellores condicións e con todas as garantías de seguridade.
Sen embargo, non deixou de amosar a súa sorpresa e protesta polos inconvintes que suporá volver a pechar unha vía de penetración principal da cidade durante toda unha semana, especialmente, na semana que comeza os colexios. A partir do mércores, o tráfico intensificarase substancialmente neste ámbito polos vehículos particulares e autocares que se dirixen aos centros de ensino, en concreto, a zona da Xunqueira. Á que se suma todo o tráfico habitual que emprega esta estrada de entrada á cidade.
O temor do Concello é comprensible se se ten en conta os problemas de tráfico que xenerou durante toda esta semana o peche da avenida de Compostela.
O Concello tamén quere amosar a súa protesta porque son obras que se poden programar con tempo e executar en momentos que non afecten tanto ao tráfico como na vindeira semana.
A Policía Local informa de que o peche será dende o luns, 9 de setembro, a primeira hora até a xornada de vernes, 13 de setembro, cando se abrirá a avenida. O peche será de entrada á cidade dende a rotonda con Médico Ballina até a rotonda de Pasarón.
A Policía Local recomenda aos conductores que empreguen habitualmente esta vía que collan o desvío da estrada de Alba cara a estrada de Vilagarcia e entren pola cidade polo nó de bombeiros. Tamén se pode empregar a ronda norte da cidade cara a Ponte da Palabra, de Monte Porreiro, ao chegar á rotonda da avenida de Compostela e de Médico Ballina.
A terceira opción, pero a menos recomendada, é acceder á cidade pola rúa Médico Ballina. Trátase dun viario moi estreito e plenamente urbanizado, polo que non é o máis recomendado para o tráfico pesado. Cabe lembrar que as obras de construcción do túnel do Tren do Eixo Atlántico dende a rúa Médico Ballina até entroncar coa ponte sobre o Lérez, obrigaron hai moitos meses a variar o trazado da avenida de Compostela á altura deste túnel, porque as máquinas tiveron que invadir a calzada. Por iso, a constructora variou o trazado da avenida. Agora correspóndelle volver o tráfico á calzada orixinal.











