A asociación veciñal A Carballeira de Francos acometerá a limpeza do río Tinto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo colabora coa limpeza do río Tinto que se fará o próximo 29 de setembro dentro do Proxecto Ríos. En Teo realizará a coordinación desta limpeza a Asociación de Veciños A Carballeira da zona de Francos e limparase un tramo entre os lugares de Vilaverde e Cabanas.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación, segundo indican dende a organización.

A iniciativa deste domingo supón a VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” que se celebrará este ano en 41 concellos de toda Galicia, e participarán un total de 51 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos que organizan directamente esta actividade.

A limpeza que será o 29 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 41 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

Dende a organización desta iniciativa indican que veñen de reeditar o protocolo de limpeza de ríos co fin de ofrecer unhas pautas sobre como se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Destacan tamén que na páxina web http://limpeza.proxectorios.org/  pódese atopar información específica sobre o que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes e financiadores, entre as que está o Concello de Teo.

23 de setembro de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.