A Asociación Sociocultural de Minusválidos gaña o VI Premio Solidario de Ferrol polo proxecto “Peciños”
A Asociación Sociocultural de MinusválidoS de Ferrol (ASCM), co seu proxecto socioeducativo de participación integral a través da actividade infantil de psicomotricidade inclusiva “Peciños”, resultou a gañadora do VI Premio Solidario Concello de Ferrol 2013, convocado pola Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. Así o anunciou esta mañá a edil responsable da Área de Benestar e presidenta do xurado do certame, Rosa Martínez Beceiro, quen subliñou a gran calidade dos once proxectos presentados na convocatoria. O alcalde Jose Manuel Rey Varela asistiu á reunión do xurado que se celebrou esta mañá, na que tamén estivo como convidado o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso.
Así as cousas, ASCM toma o testigo da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), galardoada na pasada edición pola iniciativa “Ponte no meu lugar”. “Peciños” desenvólvese no ámbito xeográfico do Concello de Ferrol e os seus beneficiarios son os escolares dos 22 centros educativos do termo municipal. A concelleira Rosa Martínez Beceiro, destacou que o obxectivo do proxecto é fomentar a participación integral creativa e expresiva, concienciadora, e transformadora dos rapaces e rapazas a través da actividade infantil de psicomotricidade inclusiva, así como, impulsar novas dinámicas que favorezan o autodesenvolvemento e promover a igualdade e a solidariedade, dentro dun marco activo e saudable, respectuoso co medio ambiente.
Actividades en centros de ensino
No que atinxe ao seu desenvolvemento, ASCM realizará en cada centro educativo unha fase introdutoria sobre as problemáticas das persoas con discapacidade e da súa participación en actividades psicomotrices, reflexionando sobre o que eles coñecen a priori (vivencias persoais ou coñecidas) e descubrir outras formas de facer e participar todos realizando diferentes propostas, que van a vivenciar na práctica. Despois desta toma de contacto, un grupo de voluntarios/as serán os encargados de realizar a posta en práctica da actividade no centro educativo cos menores, coordinados en todo momento polo técnico responsable do proxecto.
A entrega do VI Premio Solidario Concello de Ferrol terá lugar o vindeiro mes de outubro nun acto institucional que presidirá o alcalde Jose Manuel Rey Varela.











