A actuación na rúa Benito Corbal resulta adxudicada a E.C.Casas
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación á empresa E.C. Casas á obra de peonalización da rúa Benito Corbal, entre o cruzamento de Sagasta con Daniel de la Sota. O orzamento de adxudicación foi de 167.480 euros, e a empresa ofertou melloras como incrementar o asfaltado do perímetro da obra de 600 metros cadrados.
O portavoz do Goberno, Raimundo González, explicou que a obra terá que estar rematada para o Nadal, polo que comezará ao longo deste mes. Os traballos consistirán na creación dunha plataforma única cun lastro similar ao instalado na rúa Michelena.
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a contratación da obra de mellora do firme na parroquia de Bora, entre a igrexa e a estrada cara Mourente. Trátase dunha actuación de preto dun quilómetro no que se investirán 240.000 euros que tamén inclúe a recollida das augas pluviais e a reposición dun muro que se desplomou por mor das chuvias do pasado inverno.
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a sinatura do convenio entre o Concello e a Asociación Amencer, incrementando o orzamento anual nun 50%, chegando até os 6.000 euros. A Concellaría de Benestar Social Municipal, que xestiona Carmen Fouces, está a axustar os convenios con todas as entidades e colectivos sociais especialmente importante nesta situación de crise económica. Neste caso para a xestión do centro de día de Amencer.











