A ACLAD constrúe un ximnasio para os internos da comunidade terapéutica “Julio Portela”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou co presidente da Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (ACLAD) Coruña, Alejandro Gómez Ulla de Irazazábal, o convenio de colaboración para as obras de adaptación e equipamento dun espazo na Comunidade Terapéutica “Julio Portela” que dará servizo de ximnasio para os 28 usuarios deste centro.

O acordo asinado formaliza unha achega provincial que ascende a 32.262 euros, cos que se cubre o 69,86% do orzamento total necesario para estas obras (46.117,5  euros). Na sinatura tamén estiveron presentes membros da xunta directiva da asociación, a responsable da comunidade educativa “Julio Portela”, Ana González, e traballadores do centro.

O ximnasio que se construirá grazas á axuda da Deputación sumarase ás instalacións para terapia dos usuarios, xa que a actividade física forma parte fundamental do traballo que realiza o equipo multidisciplinar deste centro. Ademais das terapias en grupo e persoais, o centro “Julio Portela” trata de manter a esencia de comunidade que fai que sexan os propios residentes os que se encarguen dos coidados diarios coma a lavandería, a cociña, o xardín ou a limpeza .

Nese programa terapéutico, o exercicio forma parte das accións que se fomentan desde a comunidade para que o paciente poida continuar practicando cando remate o seu internamento.

ACLAD é unha asociación sen ánimo de lucro fundada no ano 1979 que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas que sofren trastornos por consumo de substancias tóxicas ou que están en situación de exclusión social. A Comunidade Terapéutica “Julio Portela” é un centro sanitario profesional incluído na Rede Asistencial do Plan de Galicia sobre Drogas dedicado ao tratamento e rehabilitación de drogodependentes adultos mediante un programa de réxime residencial.

11 de setembro de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.