78.000 alumnos da provincia da Coruña comezaron o curso en secundaria, bacharelato e outras ensinanzas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

Un total de 78.294 estudantes inician hoxe o curso en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial nos centros educativos da provincia da Coruña. Segundo os datos provisionais de matriculación, son 35.613 as alumnas e alumnos que volven ás aulas da ESO e 12.575 ás de bacharelato. Nas ensinanzas para adultos, serán 13.368 persoas as que hoxe comezarán o curso na provincia.

Ademais, hoxe tamén dan comezo as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional e nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos Institutos de Educación Secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) da provincia coruñesa. En total, estas ensinanzas suman 16.668 alumnos.

Cómpre sinalar que a totalidade dos centros iniciaron a súa actividade con normalidade, tal e como comprobaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, nas visitas realizadas ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Someso, na cidade da Coruña, e ao novo Instituto de Educación Secundaria do Milladoiro, en Ames, que hoxe mesmo comeza a súa andaina. Neste último, os representantes autonómicos estiveron acompañados polo alcalde, Santiago Amor.

Nesta etapa educativa destaca un descenso do alumnado non nacionalizado español, que chega aos 1.344, o que supón 75 alumnos menos que no curso pasado.Bacharelato ordinario

Tamén comezaron as clases os 12.575 alumnos do bacharelato ordinario. Segundo a titularidade dos centros, os públicos acollen o maior número de alumnos, un total de 10.239 alumnos fronte os 2.336 que cursan estes estudos en centros privados. Nesta etapa educativa, o alumnado non nacionalizado español, aumenta respecto do curso pasado. Este ano están matriculados 276 estudantes, mentres que no curso 2012/2013 foron 264.

Ciclos Formativos

No caso dos ciclos formativos, preto de 15.000 rapaces e rapazas incorpóranse hoxe ás aulas. Destes, 12.164 en centros públicos.

Outras ensinanzas

Tamén chegaron ás aulas os estudantes de educación especial e os matriculados en ensinanzas artísticas. No que atinxe ás ensinanzas para adultos, estímase que na provincia da Coruña en 2013/2014 haberá un total de 13.368 persoas. Destas, 406 están matriculadas en ensinanzas básicas de nivel I e II, 2.950 en educación secundaria para adultos e 5.165, en bacharelato presencial.

16 de setembro de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.