500 voces participarán na X Romaría Coral que Fecoga organiza en Lalín
O domingo 8 de setembro, a praza da Igrexa de Lalín (en caso de choiva trasladarase ao Auditoiro) acollerá a X Romaría Coral que organiza a Federación Coral Galega en colaboración coas catro Deputacións galegas e a concellería de Cultura local. O evento contará coa participación dunhas 500 persoas pertencentes ás 16 agrupacións corais que actuarán na romaría; todas da comunidade galega.
O programa dará comezo coa intervención vocal da Coral Polifónica de Agolada na misa das 12.00 h. para continuar, ás 19.00 h. coa actuación das 16 formacións participantes entre as que se inclúen o Coro de Cámara Música Viva do Carballiño; a Coral Polifónica Auria Canta de Barbadás, Val do Avia de Leiro, Fonte do Souto, de Culleredo, a Coral Polifónica Coruñesa Canticorum, Amigos do Castiñeiriño, La Salle e Xúbilo (estas tres últimas de Santiago), Airiños de Nós de Oleiros, o Orfeón Xoán Montes de Lugo, Ecos do Ulla de Monterroso, Alborada de Viveiro, a Coral Polifónica de Agolada, a Coral de Lalín, a Agrupación Coral Pazo de Oca da Estrada e a Coral Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove.
O repertorio incluirá tanto composicións clásicas como diversas pezas populares contando ademais coa colaboración da Banda de Lalín que se encargará da música durante a segunda parte do concerto, xa que inicialmente a actuación será a capella. O predominio das pezas populares será durante a primeira parte do concertó mentres que o acompañamento musical permitirá aos asistentes deleitarse con grandes interpretacións como a zarzuela Ronda de Enamorados, Va pensiero da ópera Nabuco ou o Himno Galego.











