50 pilotos participan no XIV Motocross Concello de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesLocal
A-
A+

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o domingo 15 de setembro o XIV Motocross Concello de Carballo, unha proba puntuable para o Campionato Galego na que está previsto que participen preto de 50 pilotos, entre eles varios campións de España. Así, hai que subliñar a presenza de Rubén Fernández García, de 14 anos e Campión de España de Promesas de 2012; de Moisés Bernárdez Carro, nove veces Campión de España; ou de Xacob Agra Carrera, piloto mundialista de enduro. Tamén hai que destacar a participación de seis pilotos de Moto Club Motor Bergantiños, entidade organizadora da cita, como son Guillermo Loureiro, Iván Moscoso, Sergio Castro, Alberto Fernández, David Couto ou Serafín Lema.

Juan Puga, de Motor Bergantiños, subliña que cada edición “custa máis traballo facer as carreiras” non só polas circunstancias económicas, senón tamén porque “cada vez os pilotos teñen máis dificultades para participar”. Porén, considera que chegar a case o medio centenar de corredores é un “éxito”. Puga tamén subliñou que se ten traballado para deixar o circuíto “nas mellores condicións” e anunciou unha variación que se ten feito na pista, subíndose de 32 a 35 metros a meseta principal para incrementar os saltos e “contribuír ao espectáculo”. Respecto dos horarios a cita comeza ás 10.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.15 principian os primeiros adestramentos libres. Sobre as 13.20 arrincan os adestramentos cronometrados mentres que as mangas dispútanse pola tarde, a partir das 16.00 horas, estando prevista a última para as 18.00 horas. A entrega de premios está programada para as 18.45 horas.

Entre os galardóns hai que destacar a entrega dun xamón ao gañador de cada carreira grazas ao patrocinio de Gadis. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo agradecer a Motor Bergantiños o seu labor como organizadores da proba e o seu “traballo duro” a prol do deporte de motor en Carballo. O mesmo agradecemento que expresou o Alcalde, Evencio Ferrero, por que haxa persoas que “dediquen tempo, esforzo e cartos para que Carballo siga a ser unha referencia no mundo do motor”. Por último, Ferrero quixo subliñar o deseño do circuíto “que permite a celebración de probas moi variadas” e é unha boa mostra “do compromiso de Carballo co motor”.

13 de setembro de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.