376 nenos de Ames participarán este ano no programa de conciliación da vida laboral e familiar
Un ano máis, o Concello de Ames mantén os seus servizos de conciliación da vida familiar Bos Días Cole e Tardes Divertidas, que este curso acollen a máis de 376 nenos e nenas matriculados. Como novidade para este curso escolar, o Concello apostou por impulsar aínda máis estes servizos, reforzando o seu contido e potenciándoos como proxectos educativos como xa aconteceu nos pasados meses coa Escola de Verán. Esta semana, o alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou cos representantes das empresas adxudicatarias os contratos de ditos servizos. Na sinatura estivo presente o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.
Do servizo complementario Bos Días Cole, que este curso 2013-2014 conta con 245 alumnos e alumnas, encárgase a firma Órbita Infantil; mentres que o servizo Tardes Divertidas, con 131 rapaces e rapazas, lévao a empresa Ágora Aberta. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou “a importancia que teñen para o Concello estes servizos complementarios, que teñen como obxectivo conciliar a vida familiar e laboral e que os nenos aprendan e estimulen o seu coñecemento”. O rexedor engadiu que a finalidade que persegue o Concello “é convertelos en ambiciosos proxectos educativos, cun enfoque interdisciplinario e completo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, fixo fincapé en que “desde que asumín o departamento de servizos complementarios marqueime como obxectivo dinamizar estes programas, mellorar o seu funcionamento e ofrecer uns servizos de calidade, algo que se cumpre con estes proxectos educativos”.
Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas desenvólvense en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria.
Investigación e descubrimento
O proxecto para o servizo Tardes Divertidas xira en torno á aprendizaxe, utilizando como medio a investigación e o descubrimento. O programa está composto por catro propostas interrelacionadas. Deste xeito, inclúese unha parte de ‘Apoio educativo e técnicas de estudo’, adaptada ás idades e necesidades dos nenos e nenas’. A segunda parte consiste na creación dunha especie de canle de televisión, denominada AmesTV, a través da que se cubrirán unha serie de obxectivos de aprendizaxe relacionados con valores, hábitos saudables ou fomento da identidade cultural.
O programa tamén inclúe a posta en marcha dun ‘Gabinete de comunicación’, que terá como instrumentos de traballo un programa semanal en Ames Radio e unha páxina web na que poidan transmitir o seu traballo sobre calquera tema. Por último, o programa de Tardes Divertidas inclúe a presenza de convidados ou especialistas que se achegarán aos nenos e nenas para explicarlles diferentes temáticas. Por exemplo, un dos convidados será o arquitecto Pedro de Llano, que lles explicará os criterios ecolóxicos que seguiu para construír a EEI do Milladoiro. Pola contra, os nenos e nenas poderanlle transmitir que lles gusta e que problemas lles ven á escola á que van ou á que foron.
Recunchos de traballo
Pola súa banda, o programa de actividades de Bos Días Cole organízase en torno á temática ‘Recunchos de traballo’. Esta iniciativa require duns espazos delimitados nos que os nenos e nenas, de maneira individual ou en pequenos grupos, levan a cabo simultaneamente diferentes actividades de aprendizaxe. Existen diferentes tipos de recunchos: o de expresión plástica, o de modelado, o de xogo, o de lectura e a denominada sesión de madrugadores. Este último recuncho inclúe visitas programadas nas que diversos invitados que acudirán aos centros educativos para falar cos nenos e nenas e contarlle as súas experiencias laborais ou profesionais.











