29 establecementos rurais da provincia de Lugo participan no programa “Outono Gastronómico”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoLugo
A-
A+
Presentación do "Outono Gastronómico"

Presentación do “Outono Gastronómico”

Arias presentou esta iniciativa na provincia de Lugo, na que, segundo indicou, “crece o número de establecementos que participan neste programa, no que este ano se inclúen 29 negocios deste eido, dous máis que no ano 2012”.

Arias, que estivo acompañada pola xefa do servizo de Turismo, Paloma Vázquez, indicou que con este programa, o organismo dependente da Xunta de Galicia impulsa “unha oferta complementaria neste segmento do turismo rural”. Así mesmo, a delegada engadiu que se favorece a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais da comunidade.

A representante do Executivo galego na provincia considerou que, a través do Outono Gastronómico achégase aos interesados unha opción que facilita “un xeito de coñecer a esencia da nosa comunidade a través da súa comida e do entorno rural”. O programa estará vixente durante todas as fins de semana desde o presente mes ata o 15 de decembro.

Na provincia de Lugo, os establecementos que se incluíron nos Outonos Gastronómicos son: Casa de Maside, Casa do Canto da Terra, Rectoral de Castillón e Casa dos Muros (Pantón), O Almacén e Casa do Mudo (Cervo), Casa Grande de Anllo e Casa Condiño (Cospeito), Casa Caxigueiro e Rectoral de Goián (Sarria), Casa Blanco e A Parada das Bestas (Palas de Rei), Casa Grande de Rosende e Rectoral de Anllo (Sober), El Rincón de Anita (Foz), Finca O Bizarro (Trabada), Casa Cazoleiro (Meira), Longarela Casa Rural (Castroverde), Casa Grande da Fervenza (O Corgo), Casa O Crego (Cervantes), Casa de Láncara (Láncara), Pazo de Ludeiro (Monterroso), A Lareira (As Nogais), A Casa da Cabaza (O Incio), Casa do Romualdo (Taboada), Casa Vilamor (O Saviñao), Casa Caselo (Folgoso do Courel), Pazo do Piñeiro (Chantada) e Casa Grande da Ferrería de Rugando (Quiroga).

Axudas para melloras turísticas

Arias fixo énfase tamén no “pulo” do Executivo galego, a través da Turismo de Galicia, para a modernización do sector do turismo rural. Para o caso lucense, a delegada destacou que nesta provincia concéntranse este ano “as maiores achegas para mellora de infraestruturas turísticas”. De feito, dentro desta liña de axudas, Lugo recibiu preto de 260.000 euros (258.753,38 euros), cos que se beneficia a 19 establecementos de toda a provincia.

A provincia de Lugo, engadiu Arias, superou en case 5 puntos á media das outras provincias, chegando a máis do 28 % do orzamento total dedicado en toda a comunidade galega.

Así mesmo, Arias recordou que ademais da liña de infraestruturas turísticas este ano dispuxéronse tamén varias liñas de axuda destinadas a fomentar a mellora do produto e das infraestruturas turísticas galegas a través de subvencións á certificación da Q de calidade, comercialización do destino Galicia a través das axencias de viaxe e equipamento para as empresas de servizos turísticos complementarios. Por outra banda, tamén se habilitou un programa de axudas aos concellos para o desenvolvemento das festas declaradas de interese turístico galego, que aínda está aberto o prazo para a súa solicitude ata o 30 de outubro. De feito, ata o momento, na provincia de Lugo solicitouse axuda para 13 festas das 24 declaradas de interese turístico galego.

Novas posibilidades na presente edición do ‘Outono Gastronómico’

Arias recordou que este ano os Outono Gastronómico incorpora como novidade a posibilidade de regalar unha experiencia gastronómica e rural en Galicia a través do Bono Agasallo Outono Gastronómico. A través desta iniciativa, os usuarios teñen a posibilidade de celebrar un acontecemento ou ocasión regalando aos seus amigos ou familiares un bono para gozar dun Paquete do Outono Gastronómico.

Deste xeito, o convidado terá a posibilidade de escoller calquera das casas de turismo rural da guía editada con motivo desta promoción e decidir a estadía que prefira dentro dos tres meses de duración da campaña. Deste xeito, a persoa que regala o bono pode activalo chamando ao teléfono de Turismo de Galicia ou a través do correo cir.turgalicia@xunta.es para poder regalar esta experiencia.

Outras ofertas do programa

Na edición 2013, o Outono Gastronómico conta no total da comunidade coa participación de 117 establecementos rurais. As casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:

1. Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.

2. Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros (2 persoas/cuarto dobre) ou de 70 euros (1 persoa/cuarto individual).

3. A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- por 190 euros (2 persoas/cuarto dobre) e 130 euros (1 persoa/cuarto individual).

Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos .

A delegada referiuse tamén a que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantense para esta edición o mesmo prezo que dende o ano 2011. Para promover esta iniciativa elaboráronse 10.000 guías informativas (en galego e castelán) que están a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, nas oficinas de Turismo e nos campos de golf. Distribuíronse tamén máis de 500 carteis para a divulgación do programa.

Na web de Turismo de Galicia haberá un apartado específico de información e descargas sobre o programa. Nel, os usuarios poderán atopar información dos establecementos participantes, menús exclusivos, así como o teléfono de información e consultas.

20 de setembro de 2013 | 01:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.