250 remeiros disputarán o “XVII Trofeo Internacional Cidade de Ferrol de Iolas”
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o “XVII Trofeo Internacional Cidade de Ferrol de Iolas” que se celebrará este domingo, día 29, a partir das 09:00 horas na enseada do Castelo de San Felipe. A edil estivo acompañada polo presidente do Club de Remo San Felipe, Daniel Rodríguez, club organizador do evento deportivo en colaboración co Concello de Ferrol.
Na competición participarán 15 clubs procedentes de Portugal, Navarra, Asturias, Valencia e Galicia cun total de 47 embarcacións e 250 remeiros e remeiras. Martínez Galdós sinalou que “a nosa Comarca ten unha gran traxectoria na modalidade de remo polo que contaremos con numerosa participación procedente de Narón, Cedeira, Mugardos, Ares e San Felipe”. Así, a edil ferrolá manifestou que “sempre estaremos dispostos a colaborar no fomento do deporte sexa cal sexa a especialidade pero sobre todo estaremos encantados en colaborar cos deportes náuticos que tanto significan para a nosa cidade”.











