24 proxectos de voluntariado xuvenil en entidades e concellos de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurenseOurenseXuventude
A-
A+
Reunión cos voluntarios e monitores dos proxectos da Asociación española contra o cancro

Reunión cos voluntarios e monitores dos proxectos da Asociación española contra o cancro

A provincia de Ourense está a acoller 24 proxectos de Voluntariado Xuvenil, que permiten a execución de 7.232 xornadas de acción voluntaria por parte de 134 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Dos proxectos totais, 11 son executados por entidades de acción voluntaria e outros 13 por concellos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse na capital ourensán cos voluntarios e monitores dos proxectos que están a levar a cabo a Asociación española contra o cancro e a asociación xuvenil Amencer.

No primeiro dos proxectos, os 8 voluntarios implicados colaboran nun programa que ten como principal obxectivo acompañar aos pacientes que sofren esta enfermidade e aos familiares.

Os mozos e mozas implicados realizan estas tarefas de voluntariado tanto no hospital coma nos domicilios dos enfermos. Ademais, tamén colaboran en actividades de prevención contra o cancro e en campañas para a obtención de recursos para a entidade.

No caso da Asociación xuvenil Amencer, os seus 8 voluntarios participan nun proxecto destinado a dar a coñecer os recursos de animación dos que dispón a propia entidade, favorecer a incorporación de novos voluntarios e por en funcionamento unha biblioteca.

Na súa visita, Rodeiro destacou que o Servizo de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar “é o primeiro programa en todo o estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade”. Ademais, tamén resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Cada unha destas xornadas de voluntariado conta cunha achega de 6 euros en concepto de transporte e manutención do voluntario. Para as entidades e concellos, a axuda diaria é de 4 euros, para cubrir os gastos de seguro e de xestión.

20 de setembro de 2013 | 00:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.