200 quilos de refugallos foron retirados na VI Limpeza Simultánea de ríos en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Voluntarios da limpeza simultánea de ríos

Voluntarios da limpeza simultánea de ríos

Quince persoas acudiron ao chamamento do Concello e do Proxecto Ríos para participar na VI Limpeza simultanea de cauces que se desenvolveu este domingo en 40 municipios de Galicia. En San Sadurniño os labores centráronse nun tramo acuático comprendido entre a área recreativa da Bañoca e o muíño do Castro, en Bardaos. Estímase que os voluntarios e voluntarias conseguiron sacar do río e da ribeira entre 150 e 200 quilos de refugallos.

Plásticos, botellas ou ferralla ocuparon a mañá de nenos e grandes que participaron nunha nova edición da campaña Móllate polos Ríos, convocada pola asociación ambiental ADEGA e o Concello dentro do Proxecto Ríos. Tal e como sinala a web do proxecto, desde hai anos ninguén ve os ríos como un vertedoiro, pero aínda quedan neles moitas cousas que non debería haber. Nuns casos son refugallos perigosos e cun alto potencial contaminante -pilas, envases de fitosanitarios, chatarra- e noutros trátase de materiais que producen un impacto visual importante ou que son un obstáculo para o desenvolvemento da fauna e da flora.

ADEGA leva promovendo as limpezas simultáneas desde o ano 2008, sempre cadrando cos paróns biolóxicos do outono e o inverno. Ademais de limpar tramos de ríos en varios concellos galegos, a xornada busca concienciar a nenos e grandes sobre a importancia de preservar en boas condicións os ecosistemas fluviais.

San Sadurniño participa neste programa ambiental case desde os seus inicios. Noutras convocatorias as tarefas de limpeza leváronse a cabo en tramos do Xubia e do río Castro.

30 de setembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.