2.492 estudantes comezan o curso escolar nos centros educativos de Ames
Con motivo do inicio mañá, mércores 11 de setembro, do curso escolar 2013-2014, o Concello de Ames e a Policía Local colaboran para poñer en marcha un dispositivo especial de tráfico para facilitar o traslado e acceso dos nenos e nenas aos centros escolares do municipio. En total, 2.492 alumnos e alumnas volverán mañá ás aulas en Ames.
No marco deste dispositivo especial de tráfico, os axentes situáranse nas inmediacións dos centros educativos nas horas de entrada e de saída co obxectivo de facer máis doado o inicio do curso escolar e o traslado por parte dos pais e nais dos alumnos e alumnas.
Nos últimos días, o Concello estivo preparando os centros de ensino amienses para que estea todo a punto de cara á xornada de mañá. Ademais, acondicionáronse os espazos verdes dos centros de ensino amienses. Trátase de traballos que na maioría dos casos son de mantemento das instalacións dos colexios, pero que son necesarios para o correcto funcionamento destes centros de ensino que comezan a súa actividade mañá. Por outra banda, durante esta semana realizouse unha limpeza a fondo de todos os centros educativos, escolas unitarias e escolas infantís para que estean en perfectas condicións de cara ao inicio do curso.
Ademais do acondicionamento de instalacións, tamén se levaron a cabo outro tipo de obras como a reparación da estrada lateral do colexio Agro do Muíño, na que se aplicou unha nova capa de rodaxe co obxectivo de mellorar o seu estado. Nesta actuación, investíronse máis de 2.900 euros. Por outra banda, no CEIP de Barouta investíronse máis de 6.200 euros na acometida de abastecemento de auga potable. Esta obra foi posible grazas aos traballos de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña e nos que se investiron máis de 50.800 euros.
No entorno da EEI do Milladoiro, as xestións do Concello permitiron que se remataran as aceras situadas na parte dianteira do centro educativo. O pasado mes de agosto, o Concello de Ames aprobou en Xunta de Goberno o inicio do expediente de incumprimento da obriga legal de urbanizar do S-14, Travesía do Porto Norte. Desta resolución déuselle traslado á entidade urbanística de xestión, que acometeu os traballos de urbanización.
Nestas semanas tamén se acometeu o asfaltado do aparcamento do IES de Ames, uns traballos nos que se investiron máis de 3.912 euros.
O Concello de Ames agradece a colaboración do profesorado, especialmente do CEP de Ventín, e lamenta as molestias que as obras e traballos de acondicionamento poidan ocasionar.
Servizos complementarios
Na xornada de mañá tamén comezarán a funcionar os servizos complementarios do Concello, que teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames, aínda que ata o mes de outubro non se normalizará a asistencia dos alumnos e alumnas.
En total, 1.448 nenos e nenas empregarán no vindeiro curso os servizos complementarios do Concello: a rede de comedores e os programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas.











