17 empresas optarán a concesión do servizo de limpeza e mantemento na Laracha
O Concello da Laracha convocou para este luns á mesa de contratación para proceder á apertura das plicas correspondentes á documentación administrativa das 17 empresas que optan á concesión do contrato do servizo de limpeza e mantemento das zonas verdes públicas do termo municipal.
A continuación seguirase co proceso de contratación fixando a data na que se realizará a apertura das plicas que conteñen as ofertas presentadas polas empresas candidatas.
O contrato do servizo de limpeza de zonas verdes inclúen 38 ámbitos cunha superficie conxunta de 86.000 metros cadrados. Trátase, esencialmente, das principais áreas de recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas e parques públicos, os paseos fluviais e os entornos de edificios e instalacións de titularidade municipal.
Os servizos que deberá realizar o adxudicatario serán o continuo mantemento en bo estado, así como o coidado das especies vexetais e, de ser o caso, a reparación dos sistemas de rego automático das áreas verdes públicas.
O ámbito de actuación que contemplan os novos pregos é maior que nos anteriores debido ás ampliacións de áreas verdes (principalmente, a de Gabenlle) e a creación de novas prazas públicas realizadas por parte do Concello da Laracha durante os últimos anos.
O orzamento máximo de licitación ascende aos 529.183,21 euros polos seis anos de duración total do contrato (catro ampliables por outros dous).











