150 artistas participarán nas “Meninas de Canido” no parque Urbis e na praza do Cruceiro de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia Pérez, presentou hoxe a IV edición de “As Meninas de Canido” que se desenvolverá este sábado, día 7, no barrio ferrolán. O edil estivo acompañado do promotor da proposta, o artista ferrolán Eduardo Hermida.

Arredor de 150 artistas procedentes do mundo da pintura, a danza, a música, poesía e a fotografía converterán as rúas e prazas do barrio ferrolán en lugares de arte, a través da súa visión persoal do cadro de Velázquez. Alberto García-Alix, Vari Caramés, Kiko Delgado, Ángel Manso ou César Toimil son algúns dos prestixiosos fotógrafos que acudirán a esta acción artística. A iniciativa, que converte ao barrio de Canido nun referente cultural, concentrarase na xornada do sábado entre o parque Urbis e a praza de O Cruceiro.

Guillermo Evia encomiou o traballo do artista ferrolán “que comezou como algo reivindicativo e agora está constituído como un acto de repercusión internacional”. Así mesmo, explicou que esta xornada será “unha boa ocasión para intentar implicar a todos os ferroláns no urbanismo, que tamén consiste na posta en valor do espazo público”. A achega municipal para esta iniciativa artística é de 8.954 euros e segundo o edil de Urbanismo “mostra a nosa sensibilidade, recoñecemento e potenciación da cultura urbanística do barrio de Canido”.

Pola súa banda, o promotor da proposta pictórica, o artista ferrolán, Eduardo Hermida agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol para poder levar a cabo este proxecto un ano máis. Así, sinalou que este ano “será unha boa edición que contará con artistas de primeiro nivel”.

5 de setembro de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.