15 desempregados formaranse como técnicos de ocio turístico e náutico en Redondela
A Consellería de Traballo e Benestar está a destinar preto de 70.000 euros á formación de 15 persoas desempregadas como técnicos de ocio turístico e náutico, nun curso que se desenvolverá ata o próximo mes de novembro en Redondela (Pontevedra).
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron hoxe a estes alumnos que desenvolven a súa actividade no entorno da Illa de San Simón, na praia de Cesantes.
En concreto, a acción formativa consta de sete módulos nos que están a aprender técnicas de iniciación aos deportes náuticos; de perfeccionamento de modalidades náuticas; recursos de dinamización de clientes; comercialización e ferramentas comerciais web; xestión, organización e planificación das actividades e dos produtos turísticos náuticos; mantemento do material; ou seguridade, hixiene e primeiros auxilios.
Díaz destacou que os cursos de formación para o emprego “constitúen un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego por tratarse dunha medida de mellora da empregabilidade das persoas en paro, que se recolle na Estratexia Europea de Emprego e no Plan Nacional de Acción para o Emprego”.
Así mesmo, o Plan Galego de Formación Profesional establece que este tipo de formación é unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados. De feito, preto do 100 por cen destas accións formativas están vinculadas á obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
A Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 9 millóns de euros no desenvolvemento de 183 cursos de formación para persoas desempregadas na área territorial de Vigo. Desta actuación poderán beneficiarse máis de 2.700 veciños e veciñas desta zona.
Díaz López sinalou que en toda Galicia, o departamento autonómico destinará este ano á formación para desempregados 40,5 millóns de euros e outros 6 millóns para formación para ocupados. Dos máis de 900 cursos para desempregados que se impartirán en toda a Comunidade autónoma poderán beneficiarse 14.000 persoas.











