14.000 estudantes de secundaria e bacharelato comezan o curso na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Preto de 15.000 estudantes inician hoxe o curso en educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial nos centros educativos da provincia de Ourense. Segundo os datos provisionais de matriculación, son 8.664 as alumnas e alumnos que volven ás aulas da ESO, e 3.311 ás de bacharelato. En disciplinas artísticas, destaca a matriculación de 914 estudantes nas ensinanzas regradas de música, 28 nas deportivas, e 1.454 nas ensinanzas para adultos.

Ademais, hoxe tamén dan comezo as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional e nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos institutos de educación secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) da provincia ourensá. Os datos de número de matriculados nestas ensinanzas coñeceranse nas vindeiras semanas, unha vez remate o prazo de matriculación de alumnas e alumnos na segunda adxudicación do período extraordinario de admisión.

Cómpre sinalar que a totalidade dos centros iniciaron a súa actividade con normalidade, tal e como comprobou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, quen xunto coa xefa territorial de Educación, Mercedes Gallego, estivo nas primeiras horas do curso escolar en tres centros da capital: O IES Julio Prieto Nespereira, o CIFP A Farixa e o IES 12 de octubre.

Rogelio Martínez subliñou que as obras de reforma realizadas nos centros de Secundaria e Bacharelato están rematadas grazas ao esforzo e traballo realizado durante os meses de verán co obxectivo de non interferir na volta ás aulas. Entre as obras máis destacadas atópanse: a reposición da cuberta no IES Taboada Chivite de Verín cifrada en algo máis de 150.000 euros, a adaptación de espazos para novos ciclos realizada no IES A Carballeira da capital, a reforma na zona residencial do IES de Vilamarín e a reparación do sistema de calefacción do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia.

Martínez referiuse ao incremento de alumnado en Formación Profesional que dende 2009 medrou un 38 por cento, grazas ao compromiso e aposta que a Xunta está a facer por este tipo de ensinanza. “Os membros do Goberno galego traballamos arreo para conseguir que a educación pública en Galicia sexa o máis completa e competitiva posible”, asegurou o delegado territorial nas visitas que realizou hoxe aos centros ourensáns de educación secundaria e formación profesional.

Educación Secundaria

Segundo os datos provisionais da Xunta de Galicia, un total de 8.654 alumnos e alumnas comezaron hoxe o curso nos centros ourensáns que imparten a Educación Secundaria Obrigatoria, fronte aos 8.799 estudantes do ano pasado. Deles, 2.478 están matriculados en centros da cidade das Burgas.

Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español, diminúe lixeiramente cifrándose en 446, o que supón 17 alumnos menos que no curso pasado.

Bacharelato ordinario

Tamén comezaron as clases os 3.311 alumnos matriculados en bacharelato ordinario, dos que 1.751 cursan o primeiro curso do bacharelato e 1.560 están matriculados no segundo curso desta etapa postobrigatoria. Os centros educativos da capital acollen a un total de 1.857 estudantes.

Segundo a titularidade dos centros, os públicos acollen o maior número de alumnos, un total de 2.675 alumnos fronte os 636 que cursan estes estudos en centros privados (concertados ou non concertados).

Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español, tamén diminúe respecto do curso pasado. Este ano están matriculados 54 estudantes, mentres que no curso 2012/2013 foron 61.

16 de setembro de 2013 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.