publicidade hoxe

129 familias pontesas beneficiaranse das axudas para o curso escolar 2013-2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

129 familias pontesas beneficiaranse este curso das axudas á escolarización ofertadas dende o executivo local, mediante o departamento de Servizos Sociais. Así o concello repartirá xa nestes días 18.400 euros dos 20.000 destinados a esta partida e que servirán para facer máis levadeiro o inicio do curso escolar.

De feito, segundo informaron dende a concellería que dirixe José Alén, nos vindeiros días xa se comunicará por carta aos beneficiarios esta concesión, que deberán achegarse ata as oficinas de Servizos Sociais, na Casa Dopeso, para recoller o seu vale de compra e que poderán canxear nas diferentes librarías pontesas ata o 15 de setembro, vales que oscilan entre os 80 e os 150 euros, segundo o curso do alumno solicitante e que servirán para a adquisición de libros ou material escolar para os cursos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato ou Ciclos Formativos.

No tocante á cifra de concesións, das 163 solicitudes presentadas foron aceptadas un total de 129, o 80% , quedando excluídas aquelas que sobrepasaban os niveis de renda máxima permitidos para optar a estes fondos ou as que non incluían toda a documentación necesaria.

Nembargantes, o vindeiro luns abrirase un segundo prazo para optar a estas axudas, prazo dirixido a alumnado de Bacharelato ou novos empadronamentos no municipio.

Está previsto que se destinen a esta segunda quenda de axudas os 1.600 euros restantes da partida asignada a este fin. Así, ata o 13 de setembro, todas aquelas familias con estudantes que comecen Bacharelato ou aqueles alumnos que non residían en As Pontes denantes do primeiro prazo de solicitude terán a  oportunidade de facer a solicitude precisa para beneficiarse das mesmas, aínda que, polo momento, segundo os datos feitos públicos dende o departamento que dirixe José Alén, xa se superaron as cifras de beneficiarios do pasado ano – 99 familias en 2012 – nun 30%, a falla desta segunda convocatoria.

Os requisitos para optar a estas axudas serán os mesmos que os anunciados o pasado mes de xuño sendo necesario cubrir unha solicitude no departamento de Servizos Sociais ou no Rexistro Xeral do Concello e que deberá incluír o certificado de estar matriculado nun centro sostido con fondos públicos e un xustificante dos ingresos da familia que non poderá exceder os 380 euros mensuais de renda per cápita.

Esta documentación deberá ser entregada como prazo máximo ata o vindeiro día 13 aínda que para solventar calquer tipo de dúbida é posible achegarse polas dependencias da concellería de Servizos Sociais.

Mediante este paquete de axudas, o executivo local volve apoiar á veciñanza nunha etapa económica complicada para as familias e cun importante incremento de fondos. De feito, con respecto ao 2012, o executivo local aumentaba nun 66% os fondos destinados a estas axudas pasando dos 12.000 aos 20.000 euros e ampliando, deste xeito, a cifra de familias beneficiadas das 99 do pasado exercizo ás 129 beneficiadas a día de hoxe e ás que se sumarán aquelas que tramiten a súa solicitude nestes días.

5 de setembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.