100 xóvenes participan nos cursos de formación de educadores e monitores deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaXuventude
A-
A+
Participantes no curso

Participantes no curso

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, clausurou o curso de formación no que participaron 100 mozos: 50 no de Programa de Ocio Educativo e 50 no de monitores deportivos responsables dos programas Deporte no centro e Xogos Escolares.

O curso desenvolveuse durante o mes de setembro na Ágora para os educadores do Programa de Ocio Educativo e no Pazo dos Deportes para os monitores deportivos cunha duración 270 horas, que serán acreditadas polo Concello, que inviste nesta iniciativa 18.000 euros.

Os participantes nesta formación debían posuír licenciaturas, graos e títulos de FP superior tanto a nivel educativo como deportivo. Os contidos desta formación teórica e práctica son o resultado da avaliación realizada ás familias, aos centros e aos propios educadores durante o curso pasado para descubrir os aspectos mellorables no programa.

En concreto, a formación dos educadores do Programa de Ocio Educativo consistiu en dous módulos:

– Módulo de 80 horas no uso e aplicación do inglés nos talleres de artes escénicas e plásticas.

– Módulo de 20 horas sobre metodoloxía e estratexias para a xestión e animación de grupos en programas de ocio educativo.

Por outra parte, a formación para os monitores deportivos de Deporte no Centro e os Xogos Escolares estaba integrada por tres módulos:

– Módulo de 90 horas en Primeiros Auxilios impartidos por profesionais da Cruz Vermella e coa expedición do diploma co selo European First Aid recoñecido a nivel europeo.

– Módulo de 40 horas de Deporte e Diversidade Funcional sobre práctica deportiva adaptada.

– Módulo de 40 horas sobre Psicoloxía Deportiva aplicada ao deporte en idade escolar.

Nestes 3 programas do Coruña Educa participaron no curso 2012/13, 3.568 alumnas e alumnos escolarizados en máis de 50 centros educativos do Concello que supuxeron a ocupación de 10.356 horas no horario extraescolar nos centros educativos coruñeses, o cal significou a creación de 125 postos de traballo para mozos profesionais no ámbito da educación, a saúde e o deporte.

En definitiva, dende a Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude cóidase a formación destes mozos profesionais para garantir unha mellor atención ao alumnado coruñés de todas as idades e etapas educativas e alcanzar desta forma un alto grao de conciliación da vida familiar e laboral.

30 de setembro de 2013 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.