100 xóvenes participan en obradoiros de formación de educadores e monitores deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello informa de que xa comezaron os cursos de formación organizados polas concellarías de Educación e de Emprego e Empresa. Así, recibirán esta formación específica 100 mozos entre educadores do Programa de Ocio Educativo (POE), e os monitores deportivos responsables dos programas Deporte no centro e Xogos Escolares.

Os cursos, cunha duración de 270 horas e que serán acreditadas polo Concello, desenvolveranse durante o mes de setembro no Pazo dos Deportes e na Ágora: 170 horas dedicaranse á formación dos monitores deportivos e 100 para os educadores do POE. En concreto, a formación dos educadores do Programa de Ocio Educativo consistirá en:

– Módulo de 80 horas no uso e aplicación do inglés nos talleres de artes escénicas e plásticas.

– Módulo de 20 horas sobre metodoloxía e estratexias para a xestión e animación de grupos en programas de ocio educativo.

Por outra parte, a formación para os monitores deportivos de Deporte no centro e Xogos escolares consistirá en:

– Módulo de 90 horas en primeiros auxilios impartidos por profesionais da Cruz Vermella e coa expedición do diploma co selo European First Aid recoñecido a nivel europeo.

– Módulo de 40 horas de deporte e diversidade funcional sobre práctica deportiva adaptada.

– Módulo de 40 horas sobre psicoloxía deportiva aplicada ao deporte en idade escolar.

Os participantes nesta formación contan coas licenciaturas, graos e títulos de FP superior tanto a nivel educativo como deportivo. Os contidos desta formación teórica e práctica son o resultado da avaliación realizada ás familias e aos centros durante o curso pasado para descubrir os aspectos mellorables no programa.

En definitiva, cóidase a formación destes mozos profesionais para que garantan a mellor atención ao alumnado coruñés de todas as idades e etapas educativas e para alcanzar un alto grao de conciliación da vida familiar e laboral nas familias coruñesas.

Nestes tres programas de programa Coruña Educa participaron, no curso
2012-2013, 3.568 alumnas e alumnos escolarizados en máis de 50 centros educativos da Coruña. En total, supuxeron a ocupación de 10.356 horas no horario extraescolar nos centros educativos coruñeses e supuxo a creación de 125 postos de traballo para mozos profesionais no ámbito da educación, a saúde e o deporte.

10 de setembro de 2013 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.