Visitas nocturnas aos petroglifos en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTeo
A-
A+

O Concello de Teo programa dúas datas para realizar unha andaina nocturna ós petróglifos teenses o 7 e o 21 de setembro. Dende Cultura, área dirixida por Carme Hermida, acordouse facer esta actividade dous sábados dado o gran interese suscitada con esta iniciativa.

En xullo cancelouse a ruta prevista para o 27 de xullo polo loito oficial decretado polo accidente de tren en Santiago. Deste xeito á hora de retomar esta visita nocturna decidiuse programar dúas datas xa que había oitenta persoas anotadas e listaxe de agarda. As persoas que estaban inscritas para o 27 de xullo terán prioridade pero deben confirmar que siguen tendo interese e dispoñibilidade nalgunha das novas datas. Deben facelo dirixíndose ó Departamento de Cultura, no CSC da Ramallosa, enviando un correo electrónico a cultura@concellodeteo.com ou chamando ó 981 815 700 (ext. 214). As persoas interesadas que non estiveran anotadas con anterioridade poden inscribirse por estas mesmas vías de contacto.

A andanina nocturna está organizada polo Concello en colaboración co colectivo A Rula. Os participantes visitarán as estacións de petróglifos de Mouromorto, Cornide e Regoufe nas parroquias de Calo e Luou. A visita faise de noite porque estes gravados en pedra aprécianse mellor na escuridade utilizando luz artificial. A proxección de luz artificial, por exemplo dunha lanterna, xera uns efectos de luces e sombras, que permiten realzar os sucos das figuras e ensalzar toda a súa beleza.

Dende a organización lembran a importancia de ir vestidos e calzados adecuadamente para a ruta. Trátase dun paseo nocturno pola noite de ó redor de seis quilómetros, polo que fai falla ir protexidos con calzado e roupa cómoda. É unha ruta dunha dificultade media. Tamén se recomenda levar unha lanterna. 

O lugar de encontro será Casa Carril en Cornide ás 21:00 horas. A continuación farase unha pequena explicación do que se vai poder ver durante a andaina para de seguido facer a ruta. Está previsto que a ruta dure ó redor de 3 a 4 horas. 

O cartel anunciador desta ruta está realizado por Víctor Santos e utiliza unha foto do arquiveiro municipal Pablo Sanmartín da estación I de Río Angueira en Cornide e un calco do arqueólogo Antonio de la Peña.

19 de agosto de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.