Visita ao Pazo de Barreiro e a súa contorna na parroquie de Vilaza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaGondomarLocalNigrán
A-
A+
Pazo de Barreiro

Pazo de Barreiro

O vindeiro mércores 21 de agosto terá lugar unha Xeira  polo “Pazo de Barreiro e a súa contorna”.  O punto de encontro será na sede do Instituto de Estudos Miñoranos (Avda. da Feira 10, baixo, Gondomar) ás 18 horas. Contaremos coa guía do arquitecto  Antonio Soliño Troncoso.

Se ben o motivo principal desta é o pazo barroco de Barreiro, en Vilaza, tamén aproveitaremos a ocasión para visitar parte do patrimonio construído de carácter relixioso e etnográfico e, á súa vez, para contemplar e facernos unha idea do patrimonio natural e histórico dunha parroquia cuxa primeira noticia coñecida da súa configuración territorial é de 1106. Nesa data, nunha escritura de doazón a favor de Pelagio Godareiz asinada pola raíña Dona Urraca e o marido desta, o conde Raimundo de Borgoña, queda recollido o deslinde de todo o seu territorio que, posteriormente, se verá sometido a, nalgún caso, substanciais modificacións.

Para participar da mesma só hai que estar no punto de encontro, con roupas e calzado cómodos e levar auga. Lembrade que para manter estas e as demais actividades do IEM precisamos sobre todo da vosa presenza pero tamén da vosa colaboración e axuda, que pode ser dende facerse socio, mercar un libro ou unhas postais. Para iso no punto de encontro contaremos cunha mesa coas nosas publicacións, uns xeitosos gorros para utilizar na xeira e fichas para facerse socio.

20 de agosto de 2013 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.