Vintecinco ourensáns gozarán dunha estadía formativa en Europa coas Becas Leonardo
Vintecinco mozos ourensáns desfrutarán dende o mes de setembro dunha estadía formativa en Europa co apoio das Becas Leonardo, que concede o Concello de Ourense. O alcalde, Agustín Fernández, a concelleira de Educación, Ana Garrido e a coordinadora, Sara Dacal recibiron esta mañá no salón de plenos aos mozos para informarlles de tódolos detalles deste programa municipal. As becas están dirixidas a mozos de entre 18 e 30 anos que remataran o ciclo superior de Formación Profesional.
Os estudantes sairán na fin de semana do 20 ao 22 de setembro cara os seus destinos: 6 irán a Lisboa (Portugal), 6 a Florencia (Italia) e 6 a Dublín (Irlanda). Os 7 restantes irán a Llangollen, Gales, xa que ainda que inicialmente se ofertara como destino Portsmouth, finalmente se cambiou para adaptarse ao perfil dos solicitantes das becas. Permanecerán nos seus destinos durante 12 semanas, coa finalidade de perfeccionar o idioma e realizar prácticas laborais en empresas do seu sector de actividade. Os mozos regresarán na fin de semana do 14 e 15 de decembro.
O programa Leonardo da Vinci STAGE VIII é unha iniciativa da Unión Europea que ten como obxectivo mellorar a competitividade do mercado de traballo europeo, axudando aos cidadáns a adquirir novas habilidades, coñecementos e calificacións, e que sexan recoñecidos máis aló das súas fronteiras. Tamén apoia as innovacións e melloras nos sistemas de prácticas e formación profesional. O programa suporá un investimento de 75.337,50 euros.
Os participantes permanecerán 12 semanas, entre setembro e decembro, no país de destino, onde realizarán un curso intensivo de idioma e preparación cultural (3 semanas) e prácticas profesionais en empresas relacionadas coa súa formación ou experiencia laboral (durante as 9 semanas restantes). As becas inclúen desprazamento ida e volta, aloxamento, seguemento de titores, cursos de formación, seguro médico e búsqueda de empresas para realizar as prácticas, entre outros aspectos.











