Vilagarcía porá en marcha o obradoiro de emprego Vista Alegre II para formar a 22 parados
A Consellería de Traballo e Benestar vén de confirmar ao Concello a concesión do Obradoiro de Emprego Vista Alegre II que se porá en marcha a partir do outono. O proxecto solicitado pola administración local prevé formar e empregar a persoas en situación desemprego nas especialidades de carpintería, xardinería e pintura. A subvención concedida pola Xunta ascende a 195.000 euros que permitirá desenvolver un proxecto destinado a mellorar as condicións de empregabilidade de 22 desempregados.
A previsión é que o Obradoiro Vista Alegre II se poña a andar en outono. Os alumnos dos módulos de carpintería, xardinería e pintura combinarán a formación teórica e práctica de xeito que, ademais de prepararse para ter máis posibilidades de acceso ao mercado laboral a través destas profesións, contribuirán ao mantemento de instalacións municipais realizando diversas obras de interese social e comunitario. Segundo se recolle no proxecto deseñado pola Área de Formación e Emprego da Concellería de Traballo e Benestar que dirixe Elena Suárez, os alumnos da especialidade de carpintería e moble dedicaranse á elaboración e mantemento de mobiliarios para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos. Os alumnos de Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes ocuparanse da conservación e mellora dos parques e espazos públicos naturais; mentres que o persoal da especialidade de pintura terán que pintar diversos espazos públicos, tamén para a o seu acondicionamento e revalorización.
As actuacións afectarán a espazos naturais como os parques da Xunqueira, O Castriño, e Ravella, Dona Concha ou a Alameda de Carril. Os traballos servirán para mellorar a imaxe estética de espazos públicos mediante o pintado do mobiliario urbano dos parques da Xunqueira, da Coca, así como da varanda do paseo do río do Con, as instalacións deportivas exteriores o estadio de atletismo e o campo de fútbol do concello. Os beneficiarios tamén realizarán diferentes sinalizacións, e acondicionarán e revalorizarán os interiores da casa do concello, da escola infantil municipal ou do edificio social Doutor Carús.
Selección a través do Servizo Público de Emprego
O proceso de selección do alumnado realizarase no mes de setembro a través so Servizo Público de Colocación (O INEM) que remitirá ao Concello a convocatoria dos aspirantes que cumpren os perfís sinalados nas bases entre todas aquelas persoas que estean previamente inscritas nas súas listas de demandantes de emprego.











