Vilagarcía comeza a segunda semana das festas
As festas patronais de Vilagarcía entran na súa segunda semana de actos cun programa no que haberá distracción e ofertas para todos os públicos e para todos os gustos. O concerto do grupo revelación de 2012, Efecto Pasillo, será o prato forte da xornada de mañá, tras a cal haberá unha longa lista de atractivas ofertas como cine na rúa, Feira das Tapas, mercado Pirata ou Noite das Meigas.
O programa do martes ábrese cos pasarrúas que ofrecerá ao longo do día o grupo de gaitas Airiños do Carril que manterá o ambiente festivo nas rúas da cidade.
A música pop será a protagonista do día con dúas ofertas diferentes. A primeira cita será ás 22:00 horas no parque da Xunqueira co concerto gratuíto dos canarios “Efecto pasillo”, un dos grupos revelación do ano 2012, especialmente a raíz da súa canción “Pan y mantequilla”. O grupo formado por Iván Torres (vocalista), Javier Moreno (batería), Nau Barreto (guitarra) e Arturo Sosa (baixo), naceu en 2007 e dende entón non parou de medrar, ata o punto de Hombres G o escolleu como teloneiro da súa xira por España. Na actualidade, Efecto Pasillo está de xira presentado o seu segundo álbum de estudio, “El misterioso caso de…”, no que destaca especialmente “Pan y mantequilla”, unha canción fresca e divertida que promete levar o acento e o bo facer en directo destes catro canarios a todos os recunchos.
A segunda terá lugar na Praza do Castro, onde a partir das 23:00 horas, a Duendeneta ofrecerá unha sesión “revival” centrada na música pop e rock das décadas dos 70 e 80.
O mércores inaugurarase o mercado Pirata que se manterá nas rúas da cidade ata o domingo 25. O cine de “Fantasio na rúa” que se iniciou onte (domingo) proseguirá ao longo da semana coas proxeccións das películas “Las aventuras de Tintín” o mércores; e “La isla de los recuerdos y el espejo mágico”, o venres. Tamén o venres dará comezo unha nova edición da Feira das tapas e o sábado celebrarase a Noite das Meigas.
A oferta da semana inclúe danza a cargo do grupo Perla de Arosa e folclore co Festival de Baile Tradicional malveiras. Tamén haberá música moderna coas actuacións dos grupos locais Turboláser e 7 Setenta, así como festa ibizeña amenizada pola Duendeneta e unha sesión dos Dj’s The Bay View.
O deporte tamén terá o seu espazo na segunda semana as festas coa celebración de “La etapa de la Vuelta” o venres, no que poderán participar ciclistas afeccionados facendo o mesmo percorrido que realizarán os corredores da Volta Ciclista a España o luns 26 con saída dende Vilanova e chegada a Monte Lobeira. Tamén haberá torneo de xadrez, o XVL Trofeo San Roque de vela clase Snipe e as exhibicións de capoeira e taekwondo.
Desfile de calesas e a tradicional batalla de flores son outros dos eventos que se celebrarán ao longo destes días para continuar a celebración das festas patronais de San Roque 2013.











