Viaxe no tempo na parroquia de Ardemil coa celebración dunha malla tradicional
A partir de mañá venres a parroquia ordense de Ardemil revivirá unha malla tradicional na que veciños e veciñas se afanarán por rememorar unha tradición agraria propia do noso eido rural.
A cita será a partir das 22 horas cun encontro no que se ofrecerá touciño entrefebrado gratis e no que se poderá botar máis dunha baila coa actuación do cantante Mario. O día grande será o sábado 10 de agosto a partir das 12 horas. Ademais da malla propiamente dita haberá outro tipo de actividades, como a feira de antigüidades, a máis grande de toda Galicia segundo os organizadores, ademais doutra de tractores novos e antigos. Tamén terá lugar unha exposición de coches antigos, motos, mobles, pías, farrapos, maquinaria relacionada coas mallas etc.
Como noutras edicións, a música será unha parte importante deste encontro. As gaitas marcarán o inicio da xornada dende ben cedo e a partir das 16 horas chegaralle a quenda ao grupo Maldados. O cartel de actuacións complétase co grupo Dúo Tajú, que estará presente ao longo de todo o día, e con espectáculos de mimo. Tamén haberá carpas nas que se servirán pratos típicos como o polbo e a carne ao caldeiro. Para finalizar o domingo 12 de agosto celebrarase unha concentración de tractores antigos.
Nesta ocasión os encargados de organizar este evento son os membros da Asociación Cultural Castro da Croa que, como é habitual, contan coa colaboración do Concello de Ordes.











