Veteranos da vela reúnense en Vilagarcía o 10 de agosto para celebrar o II Desafío Snipe 2013
O Liceo Casino Vilagarcía en colaboración co Concello organizan o II Desafío Snipe de Vela que se celebrará o próximo sábado, 10 de agosto, no campo de regatas da ría. Como aconteceu na pasada edición, a proba servirá para reunir veteranos a vela vilagarciana que competirán en embarcacións da clase snipe para rememorar os éxitos alcanzados décadas atrás polos regatistas da entidade.
Dende o Liceo casino recordan que varias xeracións de vilagarcianos, a bordo dos seus Snipe, percorreron a xeografía nacional e atraeron cara ás nosas augas a campións de Europa e do Mundo a competir cos nosos regatistas. Chicho Ricoy, “o Olímpico” Nacho Rey ou “Buli” Ozores foron algúns dos que destacaron durante os anos 80, xunto a outros apelidos locais, tales como Perez-Lafuente, Crusat, Prego, Gil-Casares, Bermúdez, Rei ou Ladrillo.
O II Desafío Snipe consistirá na celebración de dúas regatas sobre triángulo olímpico e suxeitas ás regras da época e cuxo xurado presidirá “Chuco” Perez-Lafuente, ao que asistirá Ignacio Prego.
Unha vez concluída a competición celebrarase unha cea de confraternización nas instalacións do Club de Mar de Vilagarcía, con entrega de premios aos tres primeiros clasificados. Ademais dos participantes na regata, asistirán á cea, destacados deportistas da vela local de diferentes épocas. Para asistir á cea será preciso retirar convite previamente, trámite que se pode realizar nas instalacións do club de Mar.











