Veciños de Tomiño únense para recuperar e valorizar ao pintor Antonio Fernández

Acto da presentación das actividades
O Centro Goianés, símbolo da vida cultural e veciñal da parroquia, a Comisión A. Fernández presentou ante os medios de comunicación o actos e actividades enmarcados dentro do “Ano Antonio Fernández. 2013-2014”, a modo de homenaxe póstumo.
Presidiu o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Uxío Benítez, e dunha vintena de representantes dos grupos e asociacións, implicadas na comisión organizadora (Comunidade de Montes de Goián, Asociación de Veciños de Goián, Centro Goianés, Comunidade de Usuarios de Augas de Goián, Asociación Cultural Eliseo Alonso, Cineclube Poleiro, Asociación Xuvenil Taíña, Fundación Xavier Pousa, Fundación Xoán Piñeiro, Agrupación Musical de Goián, Goián Fútbol Club, Colexio Pintor A. Fernández de Goián, ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño) e Concello).
A rexedora tomiñesa deu lectura a un manifesto a través do cal, explicou as orixes da iniciativa e o propósito dos colectivos participantes. “Os obxectivos desta Comisión A. Fernández, serán recompilar, clasificar e difundir o traballo artístico do pintor, valorizar a súa faceta humanista, filántropa e social, para evitar que a súa figura caia no esquecemento”, apuntou González.
Ademais, a alcaldesa referiuse á existencia dunha débeda histórica por parte das institucións públicas co pintor, cuxa casa e taller foron derrubados, aínda cando Fernández donou os terrenos para construir a escola de Goián.
Tamén interviron Uxío Benítez e algúns membros da comisión, para deixar claro que o motivo que lles une é o mesmo; investigar e documentar a produción artística de Fernández, así coma outros aspectos da súa vida social e persoal, coa finalidade de rescatar e visibilizar a figura do insigne pintor.
José Manuel Villa “Mané”, explicou que el, a título particular, adquiriu no seu momento, varios obxectos persoais de Antonio Fernández, que agora quere compartir cos seus convenciños. Entre os membros da organización, atopábase tamén Clementina Ozores, amiga do pintor e acompañante do mesmo en moitas das excursións arqueolóxicas e de observación da natureza que o artista acostumaba a facer.
O Ano Antonio Fernández, comprende unha ampla serie de actos e actividades, que se inician o vindeiro domingo, 25 de agosto, co I Certame de Pintura ao aire Libre Antonio Fernández, no entorno do Espazo Fortaleza.
Outras das accións emprendidas pola organización foi a creación dunha Bolsa de investigación co fin de recoller e organizar toda a información existente sobre o pintor, así coma testemuñas de xente que lle coñeceu e pode aportar novos datos. A creación dunha “Aula-Museo” nas vellas escolas e a Exposición Antonio Fernández, pintor de tres mundos” (comisionada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez), no Centro Goianés entre o 4 e o 20 de outubro, son outras das actividades que se levarán a cabo.











