publicidade hoxe

Van ao pleno as correccións ao PXOM aprobado inicialmente que responderán á gran parte das alegacións recibidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

A corporación de Culleredo celebra este xoves, 29 de agosto, a súa sesión plenaria ordinaria. Malia que noutras ocasións non tivo lugar o pleno de agosto por carecer de moitos asuntos de relevancia, o goberno municipal someterá votación este xoves propostas xa anunciadas e outras novidosas de grande importancia para os veciños do municipio.

O principal asunto versará sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado de forma inicial o pasado mes de xaneiro. Tras rematar a fase de exposición pública e no proceso de estudo das alegacións recibidas, o equipo redactor detectou diferentes erros que considera preciso corrixir canto antes.

A principal corrección refírese ás distancias cos lindes das parcelas para o desenvolvemento de construcións. No documento aprobado en xaneiro fixábase esa distancia en 5 metros. Non obstante, o equipo redactor constatou que se trataba dun erro, dado que no Plan Xeral vixente hoxe en día esa distancia era de 3 metros, cuestión que entende debe manterse.

O mesmo acontece con outros parámetros, como as alturas das naves industriais ou dos equipamentos. A corrección destes erros evitará situacións de fóra de ordenación coa próxima aprobación do documento urbanístico.

Outros erros encontrados refírense a ámbitos en concreto, como a fixación dun colector antigo na parcela onde se levantará o novo colexio de Educación Infantil e Primaria.

Con estas modificacións que se levan a pleno, o Concello dará resposta á maior parte das alegacións recibidas no período de exposición pública, que se referían especialmente á separación cos lindes.

O procedemento será o seguinte: o pleno aprobará o xoves de forma inicial estas rectificacións. As partes do PXOM afectadas por estas correccións estarán posteriormente en exposición pública durante dous meses, na Casa do Concello. En paralelo, o Concello notificará os cambios aos afectados e ás administracións por se ten que actualizar o seu informe.

Estas correccións son necesarias para garantir que o Plan Xeral dea resposta aos cidadáns. O proceso non vai demorar en ningún caso os prazos previstos dado que o Concello segue á espera de informes sectoriais para poder responder ás alegacións.

Xuntas de coordinación

Outro dos puntos da sesión refírese ás xuntas de coordinación, órgano recentemente incluído no regulamento municipal e único que reúne a todos os concelleiros do equipo de goberno. Como xa anunciara o goberno municipal, estas xuntas terán unha indemnización por asistencia, de 60 euros, só para os 4 concelleiros do grupo de goberno que non teñen dedicación e que non forman parte da xunta de goberno.

O Concello de Culleredo ten clara a necesidade deste órgano, que garante a coordinación entre as áreas, un dos obxectivos do novo executivo para mellorar a eficacia de a acción de goberno.

Aínda con esta asignación para as xuntas de coordinación, o goberno municipal actual logra un aforro de 22.038 euros con respecto ao equipo de goberno anterior, no que formaba parte o BNG. A redución nas dedicacións exclusivas e unha diferente organización na asistencia ás xuntas de goberno propicia este importante descenso, aínda cando o gobernó actual dispón de dous concelleiros máis que o anterior.

O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, afirma que os datos son “irrefutables” e demostran unha forma diferente de entender a política con respecto á do BNG. De feito, apunta, o concelleiro delegado que tiña o BNG no goberno local anterior cobraba 7 veces máis
que un concelleiro delegado do goberno local actual e desempeñando as mesmas funcións.

Riobóo sinala que a nova configuración do goberno municipal permite unha maior coordinación entre áreas e supón ademais un importante aforro de 22.038 euros para as arcas municipais que redundará en servizos de primeira necesidade para os veciños, como os
servizos sociais.

Festivos locais

Outro dos asuntos que abordará o pleno será a designación dos festivos locais para o ano 2014. O goberno local propón marcar o martes de Carnaval e o día de San Juan.

Desta forma mantense o festivo para esta festividade tan arraigada en Galicia que a Xunta de Galicia non a marcou para 2014 pero si para 2013.

27 de agosto de 2013 | 21:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.