Un programa de intercambio lingüístico en Compostela “busca parella… lingüística”
Busco parella…lingüística é o título do programa de intercambio lingüístico que pon en marcha a Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística en colaboración coa Universidade de Santiago. O seu obxectivo é que os mozos e mozas de Compostela que teñan interese en perfeccionar as súas competen¬cias lingüísticas poidan facelo dun xeito práctico a través da conversa con outras persoas con similares intereses. A actividade consiste en facilitar un punto de encontro para que dúas persoas establezan contacto para practicar o uso dunha lingua. Entre os fins desta iniciativa están a mellora das destrezas lingüísticas, o intercambio de experiencias, o coñecemento de persoas con intereses comúns e o compartimento de afeccións con persoas que falan outras linguas. O programa está destinado a mozos e mozas de 18 a 35 anos.
Para participar nesta actividade é necesario cubrir unha ficha cos datos persoais, co obxectivo de poder poñer en contacto a diferentes usuarios que teñan intereses comúns, especialmente polo in¬tercambio lingüístico. Unha vez cuberta, a ficha debe depositarse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, lugar no que tamén terá lugar o primeiro encontro.











