Un novo tractor desbrozadora ocuparase da limpeza das marxes da avenida de Xiabre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Avenida de Xiabre é o lugar elixido para estrear o novo tractor desbrozadora concedido pola Deputación ao Concello. Os operarios do departamento de Medio Ambiente serán os encargados de manexar o vehículo co que se pretende axilizar e mellorar a limpeza de vías e cunetas do municipio.

O persoal de Medio Ambiente comezou a traballar hoxe mesmo en solitario co tractor despois de concluído o período de prácticas que tiveron que realizar para facerse co manexo do vehículo. A instrución correu a cargo da empresa subministradora do tractor desbrozadora.

Para estrear a maquinaria, o concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa, decidiu comezar por un camiño pouco transitado por vehículos, a efectos de que os operarios poidan seguir gañando soltura no manexo do tractor sen interromper o tráfico de vehículos e persoas. Esta é a razón pola que se está traballando dende hoxe na Avenida de Xiabre, o camiño que une a subida a Xiabre por Guillán coa zona dos Petroglifos de Bamio. Pese á cautela coa que se está a traballar nestes primeiros días, o uso do tractor evidencia xa unha maior eficacia no desbroce que se fai dun xeito moito máis rápido. O vehículo utilízase para cortar a maleza máis grande das cunetas e un operario repasa cunha desbrozadora manual as esquinas e bordillos. As labores realizaranse aínda con maior axilidade, unha vez que os traballadores se fagan totalmente co manexo do vehículo, o que permitirá ampliar a frecuencia de limpeza das vías e camiños do municipio.

Unha vez concluídas as tarefas de acondicionamento na Avenida de Xiabre, o tractor desprazarase ás parroquias de Guillán. Estes traballos estanse a complementar co limpeza de vías noutras zonas do rural, como Rubiáns e Bamio, onde está desbrozando a brigada de Cespa. Unha vez se remate nestas, zonas, os operarios trasladaranse ao Piñeiriño para adecentar a pista de servizo entre as Pistas e a rotonda de Pablo Picasso, e outras rúas da zona.

29 de agosto de 2013 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.