Un festexo coa mostra de traballos do proxecto concienci-arte clausura os campamentos urbanos de verán
A Concellería de Xuventude clausura mañá os Campamentos Urbanos de Verán 2013, despois de dous meses de intensa actividade na que o respecto do medio ambiente e a arte tiveron un protagonismo especial. Foi a través do programa “Coincienci-Arte” desenvolvido durante os meses de xullo e agosto cos 117 nenos e nenas que participaron nos campamentos con sede nos colexios de O Piñeiriño e A Escardia. Para poñer fin aos campamentos, monitores e cativos participarán nunha festa- merendola na que amosarán os traballos realizados, cantarán e bailarán.
As “festas dos artistas” celebraranse en ámbalas dúas sedes e comezarán as doce do mediodía e nelas tamén se amosarán os traballos realizados polos cativos a través do Concici-Arte. Esta iniciativa tratouse de fomentar nos nenos e nenas a igualdade así como actitudes de respecto e coidado cara o medioambiente, empregando como ferramentas as diferentes expresión artísticas. O traballo coas expresións artísticas permitiu abarcar ambas temáticas dende unha perspectiva innovadora e lúdica, ao tempo que achegar unhas nocións básicas de arte aos nenos e nenas.
A través de diferentes actividades, fíxose que os nenos e nenas comprenderan que eles posúen a capacidade interna de crear e que esta calidade lles ofrece un potencial ilimitado para inspirarse e xogar libremente. Non precisan que lles ensinen todo, se non que a creatividade é un mundo sen límites e que poden explorar e crear sen medo a fallar.
A Fada das Artes e O Galo Kiriko foron as personaxes encargadas de acompañar aos participantes nos Campamentos Urbanos de Verán e de guialos nas actividades que se organizaban a diario través da carta na que estas personaxes propoñían unha proba relacionada coas diferentes expresións artísticas.
Os campamentos urbanos de verán son un programa de lecer, socioeducativo e de conciliación que organiza cada verán a Concellería de Xuventude e Voluntariado. A súa finalidade é dobre, xa que por un lado ofrece unha alternativa de concliliación ás familias cuxos proxenitores traballan durante as vacacións escolares de verán dos seus fillos; e por outro, aporta unha interesante oferta de divertimento, socialización e aprendizaxe para os cativos que ocupan dun xeito proveitoso parte do tempo de lecer que teñen no verán.











