Un centenar de nadadores inscritos para participar na Travesía a Nado do Porto de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Club natación Vilagarcía e a Fundación de deportes organizan un ano máis a tradicional travesía a nado Porto de Vilagarcía. A XXXI edición da proba celebrarase na mañá do domingo 18 de agosto no peirao de pasaxeiros. A día de hoxe xa había inscritos un centenar de nadadores afeccionados e federados e a inscrición seguirá aberta por internet (a través de mail fdactividades@vilagarcia.es) ata as 24:00 horas do venres e tamén se poderán anotar no lugar da proba ata unha hora antes do seu inicio.

A XXXI Travesía a Nado do Porto de Vilagarcía comezará ás 11:30 horas no Peirao de Pasaxeiros, aínda que os participantes deberán presentarse a partir das 10 da mañá para a recollida dos seus dorsais. A inscrición no lugar para aqueles que non teñan realizado o trámite por internet permanecerá aberta ata unha hora antes do inicio da proba, é dicir, ata as 10:30 horas.

A saída realizarase dende a auga establecéndose un percorrido triangular de 2.500 metros para a categoría absoluta, tanto masculina como feminina; e outro de 900 metros para a categoría infantil que inclúe a nadadores de 10, 11 e 12 anos de idade, tamén para nenos e nenas. O percorrido sitúase no interior da dársena do porto e a meta emprazarase nas denominadas “escaleiras reais”, xunto fronte o lugar da saída.

A proba réxese polas normas acordadas pola federación Galega de Natación e o Club de Natación Vilagarcía e a proba puntúa no Campionato Galego de Natación en augas Abertas. Varias embarcacións encargaranse de velar pola seguridade dos nadadores durante a proba e tamén para establecer os controis por parte dos xuíces.

A organización estableceu oito categorías de competición, tanto na modalidade masculina como na feminina, en función das idades dos nadadores. A entrega de premios celebrarase no mesmo Peirao de Pasaxeiros a partir das 13:00 horas.

14 de agosto de 2013 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.