Un can abandonado recollido en Vilanova de Arousa está sendo tratado no Centro de Acollida de Animais da Armenteira
O Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) recolleu o pasado 27 de agosto un can abandonado na vía pública, no concello de Vilanova de Arousa, tras recibir unha chamada urxente da policía local. O can foi bautizado co nome de Dulce no centro de recollida.
Trátase dun bóxer macho, de idade avanzada, que chegou deshidratado e caquéctico (esquelético) e que non se tiña de pé. O animal presentaba problemas na pel que lle provocaban hipoplasia folicular e alopecia en varias zonas do corpo, unha ferida infectada no flanco dereito e priapismo.
Tratamento
O centro estalle a aplicar un tratamento de rehidratación e nutrición endovenosa para o manter vivo e, a continuación, a cura e o tratamento das lesións e patoloxías que presenta, unhas debidas á situación de extrema delgadeza e desnutrición e outras por causa do seu abandono, coma por exemplo enfermidades que teñen tratamento e en moitas ocasións curación pero, por desleixo e falta de sensibilidade, os seus donos prefiren desfacerse do animal desta forma tan cruel en lugar de levalo ó veterinario.
A continuación inténtase que o can inicie de novo a alimentación oral por si mesmo, o que require en ocasións moita paciencia por parte dos coidadores e veterinarios xa que os animais sofren ademais anorexia.
Se o animal empeza a comer sen a axuda de ninguén, algo que non sempre se consegue, comeza a recuperarse pouco a pouco. A medida que se inicia o proceso de alimentación recupera as forzas e é capaz de valerse por si mesmo para andar ou saír a facer as súas necesidades. Moitos, con estas atencións, recupéranse e teñen unha vellez digna e sen sufrimento ata a fin dos seus días pero outros non e morren no proceso.
Adopción responsable
O caso de Dulce é un máis dos que se producen pola neglixencia dos seus donos, que deciden abandonar os seus animais de compañía; actualmente atópase en tratamento das súas lesións.
O centro anima as familias a que adopten con responsabilidade, tanto a este coma a outros animais. Os interesados poden consultar a páxina web www.caan.depo.es, que, despois de dúas semanas funcionando, xa recibiu máis de 1.000 visitas.
As adopcións son gratuítas e os animais saen vacinados e identificados co correspondente microchip. O centro quere facer un chamamento a toda a poboación para que comprenda que o abandono dos animais, sobre todo os de idade avanzada, lles provoca unha tortura adicional á que sofre calquera can que, de pronto, se encontra lonxe do que ata entón foi o seu fogar; son incapaces de atopar alimento cos propios medios debido a que sempre dependeron dos seus donos e estas condicións poden provocarlles unha morte lenta e dolorosa.











