Últimos días para anotarse no Día da Bicicleta que terá lugar este sábado en Frades
O Concello de Frades celebra este sábado 31 de agosto o “Día da Bicicleta 2013”, que terá como epicentro o campo da feira de Ponte Carreira a partir das 11:00 horas. Os participantes farán unha ruta de entre 15 e 20 quilómetros por distintos lugares do municipio, como a área recreativa de Aiazo ou a praia fluvial de Ledoira. Un percorrido de mínima dificultade que combina tanto camiños de terra como asfaltados.
A participación nesta actividade é totalmente de balde, se ben dende o Concello recomendan anotarse previamente no 981 69 55 67 por cuestións de loxística, xa que ao final do percorrido celebrarase o obradoiro “Ponlle as pilas o teu bocata”, con produtos de conservas, bebidas e entrega de agasallos para todos os participantes. De todos modos, tamén será posible anotarse o mesmo día da proba.
A única esixencia para poder participar no “Día da Bicicleta” é que os ciclistas deberán utilizar casco, como medida de seguridade. Ademais, o Concello de Frades contará coa colaboración dunha patrulla da Garda Civil e de Protección Civil que se encargarán de mirar pola seguridade viaria dos participantes.











