Turbolaser e os Dj`s The Bay View estarán o venres nas festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O último fin de semana das festas patronais contará con actividades de diversa índole. Haberá música pop a cargo do grupo vilagarcián Turbolaser e sesión de DJ, deporte, gala musical con homenaxe incluído, cine na rúa, xadrez e a previa popular da Volta Ciclista a España.

A xornada comezará co paso por Vilagarcía dos ciclistas que participen no percorrido popular da Volta Ciclista a España que servirá de previa á etapa da proba que se celebrará o vindeiro luns entre Vilanova e Lobeira. Para ir ambientando o tema, corredores afeccionados e federados poderán realizar o mesmo percorrido de 130 quilómetros da etapa que o luns farán os ciclistas profesionais e que pasarán por Vilagarcía. A organización da Volta a España pretende que todo o mundo goce deste deporte polo que haberá un percorrido máis curto máis axeitado para familias, nenos e afeccionados menos preparados fisicamente. As inscricións pódense facer a través da web www.etapadelavuelta.com. Ademais, as marchas servirán de homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Compostela.

As actividades previas á Volta Ciclista coincidirán pola mañá cos pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Nós de Sobradelo. Xa pola tarde, os taboleiros de xadrez instalaranse na confluenza da Avenida da Mariña e a rúa castro Sánchez para celebrar o Torneo aberto organizado polo Club Xadrez Fontecarmoa coa colaboración do Concello e no que poderán participa todo o que o desexe. Será a partir das 20:00 horas.

O grupo vilagarcián Turbolaser ofrecerá un concerto gratuíto a partir das 22:00 horas na rúa García de Caamaño, nas inmediacións da Praza de Abastos. O grupo formado no ano 2010 e composto por cinco mozos da cidade presentarán temas dos seus primeiros discos. O primeiro EP autoeditado data do 2011 e en 1bril de 2012, Turbolaser graba o seu primeiro LP nos Estudios Lithium de Pontevedra, para o cal contaron coa produción artística de Iago Lorenzo (The Cornelius, The Blows Igloo, Disco Las Palmeras…). Neste traballo, Turbolaser mantén un estilo no que destacan as melodías pop, respaldadas por bases rítmicas contundentes e guitarras enérxicas. Pese a contar cunha traxectoria de tan só dous anos, Turbolaser xa ten compartido escenario con artistas da talla de Xoel López ou The Right Ons, entre outros.

Música tamén, pero de estilos e épocas diferentes, será o que se poida escoitar na gala musical homenaxe a Manolo Suárez. Organizada por un grupo de amigos do que fora cantante de Los Duendes e de Los Tamara, o espectáculo desenvolverase a partir das 22:00 horas no Auditorio. Solistas, grupos, artistas que se reencontran despois de moitos anos e moitos amigos, farán un percorrido pola carreira musical de Suárez ao longo de tres décadas nun espectáculo emotivo, divertido e no que non faltarán as sorpresas. A entrada é gratuíta con invitación. Estas repártense no Auditorio ata completar aforo.

Os nenos e público familiar en xeral poderán asistir mañá á última das proxeccións do ciclo Fantasio na Rúa, que a partir das 22:30 proxectará nos Xardíns de Ravella proxectará “La isla de los recuerdos y el espejo mágico”. A película narra a historia dunha rapaza de nome Haruka que se dispón a descubrir os segredos da súa infancia, adentrándose nunha viaxe impresionante e inesperada na illa dos recordos esquecidos. Un mundo invisible para o ser humano, formado cos obxectos que deixamos na transición de nenos a adultos.

O último acto da xornada festiva do venres é a actuación dos DJ’s The Bay View que se celebrará na Rúa Méndez Núñez a partir das 23:30 horas.

23 de agosto de 2013 | 14:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.