Tui, Ponte Caldelas e Salvaterra vivirán o Descenso do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalPonte CaldelasSalvaterra de MiñoTui
A-
A+
Participantes no Descenso do Miño

Participantes no Descenso do Miño

O Descenso do Miño vivirá este sábado unha edición moi especial, xa que se conseguirá superar o rexistro histórico de padexeiros. Máis de seiscentos competirán nesta clásica proba. Os alicientes son moitos. A saída, prevista para as seis da tarde en Salvaterra, será espectacular. A chegada, despois de quince quilómetros, preto do Parador de Tui, tamén será un punto de atención preferente. Pero antes, ás catro e media, terá lugar o descenso popular dende Caldelas. Inscribíronse case 700 persoas para percorrer os sete quilómetros ata Tui.

As embarcacións volverán tomar o río Miño e serán unha parte fundamental dunha nova edición do tradicional descenso. Ademais da elevada participación, tamén se debe ter en en conta o nivel deportivo, máis alto que nunca.

O portugués Fernando Pimenta, que lucirá o número número un, loitará con Iván Alonso, o compoñente do Kaiak Tudense, na modalidade de K-1. O portugués foi subcampión olímpico en Londres e o tudense é dobre campión do Mundo e de Europa na especialidade de maratón. Fernando Pimenta confirmou a súa asistencia e tamén o gran desafío que supón para el poder participar na proba.

Rubén Millán e Gabriel Campo, en K-2, son os actuais campións de España en 1.000 metros, polo que tamén posúen o cartel de favoritos. Brais Ruchi Sánchez e Antonio Palmas, do Piragüismo Vilaboa, será os seus grandes rivais. Ana Varela e a portuguesa Ana Pimenta tamén entran dentro do grupo de favoritas no grupo de mulleres.

Manuel Garrido, subcampión de Europa de Maratón, competirá por undécima vez no Descenso do Miño. Sempre estivo no podio. Nesta modalidade de C-1 terá como grande adversario a David Manuel Mosquera, terceiro no Mundial de Maratón de 2012, e o portugués Samuel Amorín. En C-2, Óscar Graña terá como acompañante a Daniel Costa, xa que Ramón Ferro non podo acudir a esta cita. En fronte estarán os portugueses Rui Lacerda e Álvarez Esteves, ademais de José Sánchez e Alejandro Fraga, do Club Ría de Betanzos.

O Descenso do Miño ,que cumpre a súa edición número 42, contará con moitos alicientes, tanto deportivos, coma lúdicos e festivos. Ademais dos trofeos, a competición transformouse nunha festa do piragüismo. Esteban Alonso, adestrador do Kaiak Tudense, afirma que “nesta edición conseguimos superar todos os rexistros. É un orgullo o poder contar con tantos deportistas dun nivel tan elevado, pero tamén cun descenso popular que se consolidou como un referente para achegar o piragüismo a todas aquelas persoas interesadas”.

9 de agosto de 2013 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.