Tres galegos xa contan con praza asegurada nas finais do Campionato do Mundo de Piragüismo en Alemaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Óscar Carrera, Rodrigo Germade, Carlos Pérez Rial e Raquel Rodríguez son os galegos que xa teñen unha praza asegurada nas finais das distintas modalidades no Campionato do Mundo de Piragüismo que se disputa en Alemaña. Teresa Portela, Carlos Arévalo, Cristian Toro, Adrián Sieiro e Adrián Oliveira disputarán as semifinais este sábado. Todos contan con opcións de estar presentes na proba definitiva. Tamén este sábado se disputarán algunhas finais ‘b’ con representación galega.

O K-4 1.000 foi unha das grandes alegrías da xornada. Unha embarcación que transmitiu boas sensacións no Campionato de Europa e que confirmou a súa progresión. Dende o ano 2007, España non era capaz de colocar unha embarcación destas características nunha final mundialista. E nesta figuran os galegos Óscar Carrera e Rodrigo Germade, do Kaiak Tudense.

Ambos os dous, que levan a cabo unha preparación especial no Centro de Tecnificación de Madrid, son os compoñentes dun barco que ten posto o seu obxectivo a medio prazo. É un proxecto deportivo prioritario.

Os españois loitarán polas medallas e parten con opcións. A República Checa e Hungría son os grandes adversarios no Mundial. A embarcación española non renuncia a nada e aspira a todo. O desafío é estar entre os tres primeiros.

Tamén na final de K-2 500 metros estarán Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’ e Diego Cosgaya, que lograron clasificarse con relativa facilidade. A outra embarcación española con presenza galega nunha final será a de Raquel Rodríguez, en C-2 500 metros.

Quedaron fóra da final as compoñentes do K-4 1.000 feminino, na que figuraba como unha dos seus compoñentes a lucense Tania Fernández. A pesar da súa boa actuación, só dúas décimas separárono para conseguir o seu obxectivo.

A xornada tamén deixou a Teresa Portela cumprindo o seu desafío de superar a primeira rolda en K-1 200 metros. Este sábado terá que afrontar outras series e é previsible que chegue á fianl. Os mesmo que Carlos Arévalo e Cristian Toro, no K-2 200 metros, que xa están nas semifinais. Adrián Sieiro e André Oliveira tamén lograron superar a fase previa.

A xornada do sábado, penúltima do Mundial de Alemaña, ten no seu programa varias finais ‘b’ con representación galega. A final do K-4 1.000 metros será o domingo a primeira hora da tarde.

30 de agosto de 2013 | 23:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.