Trece padexeiros galegos forman parte do equipo español que participarán no Mundial de Alemaña

Teresa Portela
Trece padexeiros galegos iniciarán este mércores a súa participación no Mundial de Alemaña, o que constitúe case a metade do equipo español, composto por 29 deportistas. Doce dos padexeiros galegos terán a oportunidade de competir en distancias olímpicas. A competición desenvolverase ata o domingo en Diusburgo.
É unha das citas máis importantes da tempada e así entendérono os padexeiros galegos. Varios deles teñen como desafío poder estar nas finais. Outros competirán en varias modalidades. E mesmo hai favoritos para conseguir algunha medalla.
Teresa Portela, que se proclamou esta tempada subcampiona de Europa en K-1 200 metros, é unha das abandeiradas do equipo español. Ela mesma recoñeceu que un dos seus grandes obxectivos se colocaba na cita alemá. Para iso adestrouse intensamente. Os prognósticos colócano como unha das grandes aspirantes a estar no podio.
Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’, é outro dos que ten como obxectivo poder conseguir situarse entre os tres primeiros nas distintas probas nas que participa. Competirá en tres. K-1 200 metros, K-1 1.000 metros e K-2 1.000 metros con Diego Cosgaya.
Ton Campos tamén terá varias apostas. En C-2 1.100 metros estará acompañado por Diego Romero. Tamén estará presente en C-1 5.000 metros. José Luis Bouza, que acudirá por sexta vez a un Mundial, logrou a súa praza para o C-1 1.000 metros, o seu gran desafío para a actual campaña.
A ampla representación galega complétase con outros padexeiros que se converteron nunha referencia a nivel nacional e internacional. Carlos Arévalo, Cristian Toro, Óscar Carrera, Rodrigo Germade, Tania Fernández, Adrián Sieiro, André Oliveira e Raquel Rodríguez centrarán o interese de Galicia.
O Mundial é a última competición importante da tempada e esixirá un esforzo extraordinario a todos os padexeiros. Ademais dos rivais, as probas de clasificación nalgunhas categorías tamén supoñerán un exame para todos eles.











